viernes. 19.04.2024

Os compromisos pendentes do goberno central con Galicia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, recordou este martes ao delegado do Goberno central en Galicia os compromisos que seguen pendentes coa Comunidade. No primeiro encontro institucional que mantivo con José Ramón Gómez Besteiro tralo seu nomeamento como delegado do Goberno, o mandatario autonómico entregoulle un caderno coas principais reivindicacións que Galicia agarda que sexan satisfeitas polo Executivo central. 
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, recibe ao delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, recibe ao delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, recordou este martes ao delegado do Goberno central en Galicia os compromisos que seguen pendentes coa Comunidade. No primeiro encontro institucional que mantivo con José Ramón Gómez Besteiro tralo seu nomeamento como delegado do Goberno, o mandatario autonómico entregoulle un caderno coas principais reivindicacións que Galicia agarda que sexan satisfeitas polo Executivo central. 

O titular do Goberno galego valorou de forma positiva o encontro e dixo agardar que a normalidade institucional sexa unha práctica baseada en que tanto o Goberno galego como o central serven aos mesmos intereses, os de 2.700.000 galegos, de aí a necesidade de acadar “máis consensos que desencontros” e de que se traduzan en solucións aos retos de Galicia. 

En materia de infraestruturas, Alfonso Rueda subliñou que a piques de cumprirse un ano do derrubamento do viaduto da A-6, non se entende que o Executivo non dera respostas ás demandas de Galicia, que pasan por esixir a reconstrución en paralelo das dúas pontes afectadas. O presidente do Goberno galego non esqueceu outras débedas pendentes coas infraestruturas galegas, fundamentalmente na provincia de Lugo, como o remate da autovía a Santiago ou os investimentos necesarios para a que vai da capital da provincia lucense a Ourense. 

No que respecta ás infraestruturas ferroviarias, reclamou ao delegado do Goberno un calendario fiable e definitivo para a posta en marcha dos trens Avril e manifestou o seu malestar polo feito de que nin o presidente do Goberno nin a ministra de Transportes concretasen a súa chegada malia o reiterado interese da Xunta por esa cuestión. Engadiu, ademais, a necesidade de axilizar os investimentos no Corredor Atlántico Noroeste xa que o Goberno galego considera insuficientes os anunciados no seu día, ademais de cualificar de “golpe de efecto” o nomeamento do Comisionado, tendo en conta que ata o de agora non se traduciu en avances para esa necesaria conexión ferroviaria. Aínda no eixo das infraestruturas, instou ao Goberno central a axilizar a tramitación da transferencia da AP-9 aproveitando que a vindeira semana o Congreso celebrará un novo relatorio sobre a cuestión.  

FONDOS EUROPEOS E LEI DO LITORAL

No encontro, Alfonso Rueda tamén sacou a colación a preocupación da Xunta respecto do retraso da chegada dos fondos europeos que precisan proxectos fundamentais para o futuro de Galicia como os que teñen que ver coa automoción ou as enerxías alternativas e que, pola contra, “teñen garantido o apoio do Goberno galego”, asegurou. 

O presidente autonómico reiterou que os inversores que queren poñer en marcha esas iniciativas que van transformar a economía de Galicia están pendentes de Pertes “que nunca chegan ou que non se concretan”, polo que agardou “axilidade” e “xustiza” no reparto desas axudas xa que, advertiu, a viabilidade deses proxectos depende dos fondos europeos.  

O mandatario galego fixo entrega ao delegado do Goberno dunha copia do proxecto de Lei de ordenación e xestión integral do litoral ao que a semana pasada deu luz verde o Consello da Xunta e que o Goberno galego entende como un primeiro paso para desenvolver as competencias da xestión do litoral que Galicia reclama e que outras comunidades autónomas xa desfrutan. Malia que o proxecto da Xunta conta co aval do Consello Consultivo de Galicia, o Ministerio de Política Territorial aínda non respondeu á petición feita no verán do ano pasado sobre a transferencia dos medios para a xestión do Dominio Público Marítimo-Terrestre. “Case un ano despois, seguimos sen resposta”, lamentou. 

SANIDADE, EDUCACIÓN E POLÍTICA DE VIVENDA

Xa en materia sanitaria, o presidente da Xunta pediu ao Goberno central que dea pasos que alivien a situación actual da Atención Primaria, coa posta en marcha da especialidade de Urxencias e Emerxencias, coa flexibilidade dos requisitos para a formación de médicos residentes e cunha nova convocatoria extraordinaria de prazas MIR en Medicina Familiar e Comunitaria. Ao seu entender, estas medidas permitirían garantir unha Atención Primaria extensa no territorio, áxil e de máxima calidade. 

No encontro tamén se abordaron as políticas de vivenda. O presidente da Xunta reclamou información “detallada e fiable” sobre a situación urbanística dos terreos que o Ministerio de Defensa posúe en Galicia e que foron ofrecidos polo Goberno central para ampliar o parque habitacional, e tamén sobre a localización e estado de habitabilidade das vivendas da Sareb na Comunidade autónoma. “Queremos saber onde están”, indicou. 

Polo que respecta ao anuncio por parte do presidente do Goberno dunha ampliación da oferta de Formación Profesional, Rueda recordou que Galicia leva tempo apostando claramente pola súa excelencia e agardou que se concreten as especialidades das que se poderá beneficiar a Comunidade.    

O presidente da Xunta dixo agardar que o delegado do Goberno en Galicia sexa “un valedor” dos intereses da Comunidade perante o Executivo central e amosouse disposto a manter de forma periódica encontros que se traduzan en avances concretos para Galicia.

Os compromisos pendentes do goberno central con Galicia
Comentarios