miércoles. 24.04.2024
CLUN xunto a outras nove cooperativas galegas vencelladas ao rural

Cesta de Nadal con valor de economía social

A través desta iniciativa quérese “apostar polo valor dos produtos da terra, galegos e de cooperativas”. Así, entre os produtos que inclúe esta cesta está o mel monofloral de castiñeiro e o mel multifloral con sabores moi particulares que proporciona a cooperativa Erica Mel. Herbas da Ulloa é unha mestura de catro especias producidas na comarca lucense da Ulloa para enriquecer en sabor os pratos e con propiedades antioxidantes, da cooperativa Milhulloa. A marmelada de arando está elaborada con froitas de produción ecolóxica e ingredientes integrais pola cooperativa Ribeiregas.
Preto de 600 traballadores e traballadoras de toda Galicia están a recibir este agasallo con produtos da terra.
Preto de 600 traballadores e traballadoras de toda Galicia están a recibir este agasallo con produtos da terra.

CLUN (Cooperativa Rural Galega), con sede no concello coruñés de Ames, impulsa a creación dunha cesta de Nadal xunto a outras nove cooperativas da comunidade. Están a recibir este agasallo preto de 600 traballadores e traballadoras de dez organizacións vencelladas ao rural e á produción primaria en Galicia. O propósito desta iniciativa é reivindicar o valor social das cooperativas e a relevancia da economía social como forma de organización que aporta moitos postos de traballo ao rural, en particular desde a agricultura e a gandeiría.

“As cooperativas son unha forma de economía social” -manifestan desde CLUN-. Nesta liña, poñen de relevo que en Galicia 5 de cada 100 empresas son de economía social e destas o 18% son cooperativas. Destacan así mesmo o dato de que o 68% das persoas que traballan en empresas de economía social residen no rural e que o 3,6% total do emprego rural procede directamente da economía social.

Esta proposta conxunta parte da “importancia de colaborar entre as cooperativas, de aunar forzas. Se nos apoiamos entre nós e xuntamos os nosos esforzos podemos chegar máis lonxe. Porque as cooperativas en Galicia naceron deste xeito, sumando esforzos, e así queremos seguir facéndoo moitos anos máis” -salientan desde CLUN-. Ademais, preténdese dar a coñecer aos empregados e empregadas de cada unha das organizacións participantes outras cooperativas que traballan con produtos galegos de alta calidade.

Xunto a CLUN, as outras cooperativas que se suman a esta proposta son a vitivinícola Viña Costeira; Milhulloa, dedicada ao cultivo ecolóxico de plantas medicinais; Embruxo, que produce aceite de oliva; a apícola Erica Mel; Tres Fuciños, produtores de porco celta; Amarelante, dedicada ao cultivo ecolóxico e sostible de castañas; Ribeiregas, cuxa actividade se centra na produción de alimentos ecolóxicos; e Terras da Mariña, especializados no cultivo e comercialización de fabas. Ademais, cóntase coa participación da correduría de seguros agraria Ucoga.

Leite, xamón de porco celta, mel, marmelada de arandos, fariña de castaña, viño, aceite, fabas verdinas e herbas aromáticas producidos en Galicia

A través desta iniciativa quérese “apostar polo valor dos produtos da terra, galegos e de cooperativas”. Así, entre os produtos que inclúe esta cesta está o mel monofloral de castiñeiro e o mel multifloral con sabores moi particulares que proporciona a cooperativa Erica Mel. Herbas da Ulloa é unha mestura de catro especias producidas na comarca lucense da Ulloa para enriquecer en sabor os pratos e con propiedades antioxidantes, da cooperativa Milhulloa. A marmelada de arando está elaborada con froitas de produción ecolóxica e ingredientes integrais pola cooperativa Ribeiregas.

O viño espumoso Lúa forma parte do proxecto solidario “Viña Costeira Rural Alzheimer”, xestionado por AFAOR (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer), da cooperativa Viña Costeira. O aceite Embruxo é zume de oliva recén espremido, extraído en frío e sen filtrar, producido pola cooperativa Embruxo.

Pola súa parte, CLUN ofrece leite Feiraco na súa edición especial de Nadal coa figura do Apalpador, unha edición solidaria a través da cal pretende contribuír a recuperar os montes de Folgoso do Courel queimados nos devastadores incendios deste verán. Tamén aporta leite Unicla, leite de categoría premium con altos valores nutricionais derivados da alimentación natural das súas vacas.

A cesta contén ademais fabas verdinas “Da Terriña” da cooperativa Terras da Mariña, coñecidas como “fabas do marisco” pola perfecta maridaxe con mariscos e peixes. Cultivadas na Mariña Lucense, caracterízanse pola súa cor esmeralda, pequeno tamaño e suave textura. Trátase dun produto gourmet con gran demanda nestas datas.

A cooperativa Tres Fuciños aporta xamón cortado a coitelo de porco celta criado en liberdade, curado lentamente durante 36 meses. Por último, a cesta inclué fariña de castaña da cooperativa Amarelante, elaborada integramente con castañas secas, sen aditivos nin conservantes; ideal para pizzas, pan, biscoitos, purés…

Cesta de Nadal con valor de economía social
Comentarios