martes. 21.05.2024

A candidatura de Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da Unesco preséntase no Consello do Patrimonio Histórico Español

Trátase dunha cita á que asistirá o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades en funcións, Román Rodríguez, acompañado pola directora xeral de Patrimonio Cultura, Mª del Carmen Martínez, e na cal os técnicos e profesionais do equipo redactor exporán a proposta da Xunta de Galicia. A continuación, será debatida e sometida a votación para ser elixida como candidata de España e que poida ser abordada no Comité do Patrimonio Mundial. 
Ribeira Sacra.
Ribeira Sacra.

O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno autonomico presentará mañá no Consello do Patrimonio Histórico Español, que se celebrará na illa da Palma, a candidatura da Ribeira Sacra “para que se converta en Patrimonio Mundial da Unesco”. 

Trátase dunha cita á que asistirá o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades en funcións, Román Rodríguez, acompañado pola directora xeral de Patrimonio Cultura, Mª del Carmen Martínez, e na cal os técnicos e profesionais do equipo redactor exporán a proposta da Xunta de Galicia. A continuación, será debatida e sometida a votación para ser elixida como candidata de España e que poida ser abordada no Comité do Patrimonio Mundial. 

A Ribeira Sacra abarca máis de 16.000 hectáreas de 22 concellos das provincias de Lugo e Ourense e está declarada Ben de Interese Cultural (BIC) desde o ano 2018. Para Rueda “é un dos maiores tesouros patrimoniais de toda España” que destaca “pola súa riqueza paisaxística, cultural e enogastronómica”. Por iso, asegurou que a Xunta agarda que “obteña este recoñecemento internacional”. 

Na mesma liña, o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, destacou os valores “senselleiros” e “as características singulares” da Ribeira Sacra para alzarse con este recoñecemento da Unesco.

Tal e como explicou o conselleiro, o informe que se valorará mañá é o resultado do traballo feito tras o aprazamento estratéxico decidido no ano 2021 para reformular, revisar, fortalecer e mellorar o expediente elaborando contidos específicos que afonden nos valores da Ribeira Sacra e impulsen a súa candidatura co máximo rigor e calidade. Trátase dunha nova fase en que a Administración autonómica traballou en colaboración cos técnicos do Ministerio de Cultura e a implicación da Embaixada de España ante a Unesco para avanzar no éxito do expediente. 

Neste proceso, os técnicos da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades intensificaron o traballo para, seguindo as recomendacións do Icomos, o órgano asesor da Unesco, dar un novo impulso á proposta mediante un proceso de diálogo en que estiveron presentes tanto as administracións implicadas como os veciños e membros da comunidade local. 

Por outra banda, a Xunta de Galicia tamén ampliou o equipo técnico que traballa na candidatura incorporando novos perfís que axuden a buscar novos e complementarios argumentos e xustificacións co fin de conseguir o máximo recoñecemento da Unesco. Trátase de incorporacións que permiten sumar algúns dos mellores expertos patrimoniais e que marca un punto de inflexión no proceso e na vía de diálogo con Icomos.

Ademais, co fin de impulsar o recoñecemento do valor e a importancia deste territorio, a Xunta de Galicia impulsou a finais do ano pasado a celebración do encontro Paisaxes da auga: unindo o pasado co futuro, unha cita internacional que reuniu no corazón da Ribeira Sacra a unha trintena de expertos para abordar de xeito conxunto os desafíos relativos á preservación, a investigación, a protección e promoción do patrimonio a través da posta en marcha de novas vías de diálogo entre profesionais de diferentes ámbitos. 

De xeito paralelo a este traballo, desde o ano 2017, cando comezaron os primeiros traballos da candidatura, a Xunta leva investidos preto de 8 M € na conservación e posta en valor de diferentes bens patrimoniais desta comarca das provincias de Lugo e Ourense. Así, ao longo deste período, a Administración autonómica executou, en solitario ou en colaboración con outras institucións e concellos, máis de 90 actuacións tanto en materia arquitectónica como arqueolóxica en diferentes bens como igrexas, mosteiros, museos, castros ou xacementos romanos, entre outros. 

Román Rodríguez explicou que a candidatura que se presenta mañá – Paisaxe da auga: Ribeira Sacra- céntrase en destacar o vínculo desta zona coa agua que marca desde a súa paisaxe ata as súas infraestruturas. “Céntrase en como se xestiona a auga, como a paisaxe se modifica por esta xestión e como interveu o home nesta xestión”, indicou. 

No caso de que a candidatura da Ribeira Sacra fose a elixida para representar a España, non sería ata 2026 cando a Unesco tomaría a decisión definitiva.

A candidatura de Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da Unesco preséntase no Consello do...
Comentarios