viernes. 29.03.2024

A directora de Igualdade da DX de Xustiza da Comisión Europea, Irena Moozova pronosticou hoxe, na conferencia inaugural do Congreso ‘Medios de comunicación en tempos de COVID-19: influencia da pandemia na igualdade e na violencia de xénero’ que “haberá que agardar 60 anos para conseguir unha plena igualdade” un periodo que considera excesivo e inasumible, polo que a Comisión Europea dixo, “fai un chamamento aos ministerios de Igualdade dos estados membros para manter os compromisos financeiros na materia”. En opinión de Moozova, “a crise covid afecta de forma desproporcionada ás mulleres, polo que máis que nunca, a igualdade de xénero suporá unha resposta máis xusta e efectiva”. Entre as consecuencias máis dramáticas, apuntou que o confinamento “rebelou que moitas mulleres están máis ameazadas no seu fogar”.

No propósito común de eliminar estereotipos, Irena Moozova, apela á complicidade dos medios e denuncia os crecentes ataques aos que se ven sometidas moitas mulleres xornalistas en todo o mundo, en forma de acoso ou estigmatización “nunha proporción moito maior que os seus colegas homes”.

Pola súa banda, Rosa María Calaf, xornalista e excorrespondente internacional, empezou a súa conferencia afirmando que “a pandemia trastocou todo, facendo viral a vulnerabilidade, de xeito que a pandemia enferma o corpo e os dereitos”, un contexto no que se evidencia o carácter esencial do xornalismo “para contribuir á igualdade e derrubar estereotipos pola súa capacidade de crear modelos sociais, estereotipos que obedecen a un modelo social androcéntrico, que ofrece unha imaxe da muller como persoa de segunda categoría”.

Moi crítica coa cantidade de información que se produce, en moitas ocasións a costa da calidade, argumentou que a “avalancha de información nos despista e nos engana, e cando a información non é de calidade, estaremos entretidos, pero non informados”.

Aínda que recoñece un avance da igualdade profesional das mulleres xornalistas, apunta un déficit de mulleres nos medios “tanto en opinión como en dirección” e subliñou a responsabilidade do xornalismo no uso da linguaxe, porque “as palabras non son inocentes, ás veces ocultan intención de manipulación de ideas” e coincidiu con Moozova en denunciar “a violencia verbal e física sobre as mulleres xornalistas, un problema serio sobre o que hai que tomar medidas”. Rematou cun chamamento á corresponsabilidade de toda a sociedade, “porque isto non é unha cuestión de mulleres, é cousa de todos”.

O congreso, organizado pola Asociación de Periodistas de Galicia coa colaboración da Secretaría Xeral da Igualdade, celébrase no hotel Puerta del Camino, en Santiago de Compostela, en formato híbrido -presencial e online- coa participación de máis dunha trintena de xornalistas en distintos paneis de debate.

Durante os debates da sesión inicial, houbo coincidencia en que o coronavirus é un monotema informativo, que arrasa con todo e que relega a atención informativa da igualdade e dos casos de violencia de xénero.

Nun dos paneis do Congreso plantexouse tamén a necesidade de que os medios de comunicación e os xornalistas dispoñan dun código deontolóxico para orientalos no seu labor en canto o tratamento da perspectiva de xénero na elaboración das informacións.

Calaf cre no xornalismo “para contribuir á igualdade e derrubar estereotipos"