jueves. 28.03.2024

A campaña impulsada pola Xunta de Galicia Bye Bye Plástico xa ten a súa primeira película colaborativa escolar en stop motion para loitar contra os plásticos e a necesidade tanto de reducir o seu consumo como de potenciar a súa correcta separación en orixe e posterior reciclaxe.

Un total de oito centros educativos das catro provincias —o IES Isidro Parga Pondal, de Carballo; o IES Rego de Trabe, de Culleredo; o CPR Jorge Juan, de Narón; o CEIP Salgado Torres, da Coruña; a EEI de Verducedo, de Moaña; o Colexio Monterrey, de Vigo; o Colexio Asunción Sarria, de Sarria; e o IES A Basella, de Vilanova de Arousa— participaron nos últimos meses na elaboración da película As viaxes de Plástico, que xa se pode ver na canle de Youtube da Xunta e se dá a coñecer no marco do Día mundial da educación ambiental, que se celebra hoxe.

Trátase dunha iniciativa pioneira que se enmarca na campaña de sensibilización ambiental Bye Bye Plástico, impulsada de forma conxunta polas consellerías de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e do Mar.

O obxectivo da película, unha curtametraxe de algo máis de 10 minutos que combina imaxes reais con outras creadas por ordenador aplicando diferentes técnicas de stop motion, é chamar a atención sobre a importancia de depositar o lixo nos contedores axeitados, especialmente os de plástico, ao tempo que se dan a coñecer lugares emblemáticos e de interese na contorna dos colexios implicados no proxecto para animar a mantelos limpos e libres de residuos.

Nunha comunicación remitida aos oito centros participantes, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, agradeceron a implicación e a creatividade tanto do alumnado como do equipo docente, incidindo no impacto positivo que este tipo de iniciativas teñen á hora de axitar conciencias e sensibilizar aos nenos e á poboación en xeral sobre o impacto dos plásticos sobre a contorna e o medio ambiente.

'Bye Bye Plástico'