viernes. 29.03.2024

O 52% das explotacións agrarias de Galicia están en mans de mulleres. Así o destacou hoxe o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, en resposta a unha pregunta sobre o emprendemento feminino no rural na Comisión 7ª do Parlamento.

Así, das algo máis de 41.000 explotacións rexistradas na nosa comunidade que teñen como titular unha persoa física, un total de 21.267 están ao cargo de mulleres, fronte aos 19.997 homes que figuran como titulares únicos. Ademais, o director xeral explicou que aínda que se incorporan ao agro galego, en números absolutos, menos mulleres que homes, a proporción de mozas incorporadas é superior ao de mulleres beneficiarias de plans de mellora. Isto indica, segundo explicou José Balseiros, a gobernanza nas explotacións profesionais agrarias de Galicia en mans de mulleres. A maiores, no que atinxe ás axudas para creación de pequenas explotacións, no período 2016-2019 as mulleres superan os homes en número total de beneficiarias. Así, a porcentaxe é do 53% de mulleres, fronte o 47% de varóns.

O director xeral situou todos estes datos no contexto das axudas da Xunta para plans de mellora, incorporación de mozos e creación de pequenas explotacións, coas que se mobilizaron, no período 2016-2019, máis de 270 millóns de euros para un total de 5.106 beneficiarios.

PATACA

En resposta a outra pregunta sobre a couza guatemalteca da pataca, José Balseiros valorou a boa evolución en canto á presenza en Galicia deste insecto e puxo en valor o trampeo realizado pola Xunta para controlar a súa expansión. Así, indicou que arestora son unicamente 17 os concellos enmarcados dentro da zona infestada e polo tanto con prohibición de plantación de tubérculo, todos eles no norte das provincias da Coruña e Lugo. Por isto, o director xeral advertiu que cómpre non baixar a garda e continuar coas medidas de control establecidas para frear a expansión do insecto. Lembrou ademais que o Goberno galego destinou arredor de 170.000 euros ás axudas para compensar ás explotacións pola retirada e destrución das patacas, que beneficiaron 1.200 produtores.

XESTIÓN FORESTAL

Pola súa parte, o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, explicou que calquera propietario forestal pode regularizar a súa situación cando o desexe, con respecto á tramitación tanto das axudas como dos aproveitamentos comerciais do monte. Así, indicou que en calquera momento pode formalizar a súa adhesión a modelos silvícolas orientativos incluídos na normativa. Esta adhesión é unha condición necesaria para poder facer aproveitamentos ou para poder percibir axudas ou beneficios fiscais. Nesta liña, José Luis Chan engadiu que neste ano lévanse tramitadas un total de 6.633 adhesións a modelos silvícolas, que implican unha superficie de máis de 5.000 hectáreas. O director xeral lembrou que a Consellería do Medio Rural convocou neste primeiro trimestre do ano ata catro programas de axudas para a creación e mellora de superficies forestais, por un importe total de 26,3 millóns de euros.

Por último, recordou que o pasado día 26 de febreiro a Xunta publicou unha Orde onde se establecen 38 modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos, incorporando un paquete amplo de modelos dirixidos á silvicultura e xestión de masas de frondosas autóctonas (silvicultura próxima á natureza, conservación da biodiversidade, modelo dirixido á obtención de cogomelos, modelo de alto valor para madeira de calidade e outros), todos eles baixo o principio de “conservar xestionando de forma activa”.

REXENERACIÓN MONTES

Pola súa banda, o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, explicou que os traballos de rexeneración impulsados pola Xunta tras os incendios forestais do pasado mes de setembro na provincia de Ourense permitiron evitar o arrastre de entre 10 e 12 toneladas de sedimentos por hectárea. En resposta a unha pregunta sobre o tema, aclarou que se deu prioridade á actuación en lugares como Río Caldo (Lobios) e Sabuguido (Vilariño de Conso), onde a incidencia dos incendios foi maior, porque na maioría dos casos a severidade na vexetación e no solo destes incendios en Ourense foi moderada ou baixa, e vanse rexenerar naturalmente. En total, para estes labores, Medio Rural destinou 445.258 euros, segundo informou o director xeral.

As explotacións agrarias galegas, en mans de mulleres