O persoal técnico da Estación Fitopatolóxica do Areeiro da Deputación de Pontevedra vén de emitir un novo aviso fitosanitario no que se alerta sobre a aparición das primeiras manchas e síntomas de mildio nas viñas da poovincia. Segundo o informe, estas manchas foron detectadas tanto en viñas non tratadas como naquelas nas que xa se aplicaran un ou varios tratamentos.
Tendo en conta as previsións meteorolóxicas que anuncian precipitacións e temperaturas mínimas lixeiramente máis altas, condicións que favorecen o desenvolvemento do patóxeno, Areeiro recomenda extremar a vixilancia nas viñas. En caso de detectarse novas manchas ou síntomas, é crucial comprobar a súa evolución para tomar medidas axeitadas.
Risco de botrite e atención ao kiwi:
Coa volta das choivas, o aviso tamén fai fincapé na necesidade de revisar os predios de viña nos que se observen síntomas compatibles coa botrite, así como as follas e os brotes que presenten lesións causadas por sarabia ou vento, xa que estas feridas poden ser vías de entrada para o fungo.
No que respecta ao kiwi, Areeiro aconsella non descoidar os tratamentos preventivos fronte ás bacterioses, co obxectivo de evitar os danos que estas poden ocasionar na futura floración da planta.
Vixilancia do moteado e control de pragas:
A Estación Fitopatolóxica tamén recomenda incrementar a vixilancia ante o moteado da maceira e da pereira, especialmente nas variedades máis sensibles ou naqueles predios que sufriron danos por este patóxeno na campaña anterior.
En relación ás pragas, Areeiro informa das primeiras capturas de Cydia pomonella, a couza dos froitos da nogueira. Por iso, sublíñase a importancia de utilizar trampas de feromonas como ferramenta de seguimento desta bolboreta e así poder aplicar os tratamentos fitosanitarios nos momentos máis oportunos.
Finalmente, no que atinxe á bolboreta do buxo, aconséllase instalar as trampas de feromonas, xa que durante esta semana observáronse crisálides nas sebes, a pesar de que aínda queden algunhas eirugas activas.
Tratamento post-choiva na horta:
Para rematar, o aviso fitosanitario de Areeiro desta semana recomenda que, tras este novo episodio de precipitacións, se realice un tratamento específico dirixido ao control do mildio e outros patóxenos que poidan afectar ás plantas da horta.
Con estas recomendacións, a Deputación de Pontevedra, a través da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, busca ofrecer información precisa e útil aos agricultores da provincia para protexer as súas colleitas ante a aparición de enfermidades e pragas, especialmente nun contexto de cambios meteorolóxicos.
            
            
              