lunes. 29.04.2024
XLI Festa da Filloa de Lestedo

“Aprendín a facer as filloas escoitando, rompendo moitas, practicando e co cariño e respecto como ingrediente fundamental” afirmou Javier Olleros pregoeiro

A XLI Festa da Filloa de Lestedo bateu todas as marcas. “Por primeira vez superamos por bastante as 100.000 filloas repartidas, a metade hoxe domingo e o resto durante as distintas actividades paralelas que vimos organizando neste último mes”, destaca José Manuel Canabal, presidente da Asociación Cultural da Filloa.
A Festa da Filloa de Lestedo reparte por primeira vez máis de 100.000 filloas.
A Festa da Filloa de Lestedo reparte por primeira vez máis de 100.000 filloas.

A XLI Festa da Filloa de Lestedo bateu todas as marcas. “Por primeira vez superamos por bastante as 100.000 filloas repartidas, a metade hoxe domingo e o resto durante as distintas actividades paralelas que vimos organizando neste último mes”, destaca José Manuel Canabal, presidente da Asociación Cultural da Filloa.

A coincidencia coa xornada electoral non afectou en nada a festa, salvo no feito quizais de que o campo da festa comezou a encherse un pouco máis tarde do habitual, o que tamén permitiu que as máquinas filloeiras funcionaran a pleno rendemento e non houbera que agardar por elas, a cinco euro por un paquete de dez filloas. Este ano, ademais das dúas máquinas filloeiras en funcionamento houbo que engadirlle as filloas á pedra (a dous euros), feitas nun stand no campo da feira; un posto de filloas recheas e, por primeira vez, venda de filloas sen glute no local social de Lestedo.

O pregoeiro Javier Olleros proclamouse “embaixador da Festa da Filloa” e puxo en valor “a cociña como unha festa de compartir ao redor dunha mesa”

Ás 12:00 horas tivo lugar o VII Desfile de Xenerais da Ulla, que saíu do Hotel Restaurante Vía da Prata cara o campo da festa precedido por un grupo de gaitas da Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio e pola comitiva oficial de autoridades, encabezada polo alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro Tato, e o presidente da Asociación Cultural da Filloa, José Manuel Canabal. No desfile tomaron parte máis de medio cento de Correos, Xenerales e Xeneralas da Ulla chegados de Touro, O Pino, Santiago de Compostela, A Estrada, Vedra, Teo e Boqueixón.

FestadaFilloa3
FestadaFilloa3

Entre as autoridades presentes estaban Carmen Pita Urgoiti, directora de Promoción da Axencia de Turismo de Galicia; María Carmen Martínez Ínsua, directora xeral de Patrimonio Cultural; José Luís Cabarcos, director xeral do AGACAL; Miguel Ángel Paredes Marín, coronel xefe do Aeródromo Militar de Santiago; José Antonio Rivero Zobra, capitán xefe da Terceira Compañía de Santiago; o pregoeiro Javier Olleros; Luís Rial, fillo do homenaxeado Luís Rial Suárez; e Nuria Colmenero, responsable de Seguridade Alimentaria da Asociación de Celíacos de Galicia, en substitución da presidenta da asociación, Gloria Bernárdez Beltrán.

DISCURSOS

O alcalde de Boqueixón comezou o seu discurso agradecendo “o traballo e implicación dos meus conveciños e da Asociación Cultural da Filloa na organización desta festa” pero quixo facer unha lembranza especial ao xornalista Luís Rial, “unha persoa moi ligada a esta festa desde o seu nacemento. Foi presentador desta Festa durante moitos anos e un verdadeiro embaixador da Filloa de Lestedo. Pregoeiro en 1994, neste mesmo escenario fixo unha das declaracións que máis se recordan nesta festa: cando proclamou que a Filloa de Lestedo é o postre nacional galego”.

Ovidio Rodeiro tamén bromeu coa coincidencia da Festa coas eleccións dicindo que “son moitos anos organizando esta festa o domingo de Piñata como para ter que cambiar de data por unhas eleccións”, lembrando que isto xa acontecer a no ano 2009. Finalmente, presentou ao pregoeiro Javier Olleros, “un cociñeiro referente da cociña sostible, de proximidade e respectuosa co medio ambiente. Mira ti, igualiño ca nosa filloa:  sostible: pois é unha sinxela receita procedente da antiga Roma a base de fariña de trigo, ovos, sal e auga; de proximidade: pois todos os produtos son de Lestedo e a auga mesmo vén do cumio do lendario Pico Sacro; e, sobre todo, respectuosa co medio ambiente, valor fundamental do concello de Boqueixón”.

A Asociación Cultural da Filloa homenaxeou ao finado xornalista Luís Rial, presentador e pregoeiro da festa

Pola súa banda, José Manuel Canabal destacou que “a filloa comezou sendo unha festa da parroquia de Lestedo, na que os veciños e veciñas faciamos as filloas na casa. Despois as levabamos aos chiringuitos e eles as regalaban coa consumición. Hoxe é unha Festa de Interese Turístico de Galicia que traballa polo seu recoñecemento como  Festa de Interese Turístico Nacional”. Iso si, lembrou que “por moito que a Filloa medre, por moitos recoñecementos que recibamos... ao final, o éxito desta festa radica no mesmo punto que hai 41 anos: o esforzo dos veciños e veciñas de Lestedo”.

PREGON

No seu pregón, Javier Olleros puxo en valor “a cociña como pequeno salvavidas e como unha festa de compartir ao redor dunha mesa”. Así, asegurou que “a Festa da Filloa de Lestedo é un exemplo de establecer relacións desde a confianza e a solidariedade de todos e todas as que formades parte dela, e da que eu xa me sinto un pequeno embaixador”. Así mesmo, lembrou que “aprendín a facer as filloas escoitando, rompendo moitas, practicando e co cariño e respecto como ingrediente fundamental”.

Tras o pregón, que por primeira vez foi impartido en lingua de signos grazas á colaboración da Asociación de Persoas Xordas de Santiago de Compostela (APSSC), chegou a imposición dos tres Mandís de Honra da Filloa: Javier Olleros, Adolfo Gacio Vázquez, ex alcalde de Boqueixón, e Nuria Colmenero, responsable de Seguridade Alimentaria da Asociación de Celíacos de Galicia, en substitución da presidenta da asociación, Gloria Bernárdez Beltrán.

Acto seguido, o voceiro da Asociación Cultural da Filloa, Xosé Manuel Lobato, deu lectura a unha lembranza a Luís Rial Suárez, presentador da Festa da Filloa nos seus inicios e pregoeiro da mesma no ano 1994, e entregou unha bandexa de recoñecemento a Luís Rial, fillo do xornalista falecido.

Xosé Manuel Lobato destacou que “hoxe estamos homenaxeando a un gran profesional que sempre estivo vencellado á nosa festa. Unha unión que comezou nos anos oitenta e que Luís mantivo sempre. Por iso foi o Grande mestre de cerimonias da Filloa e o pregoeiro do ano 1994, así como un divulgador incansable da festa”. Por iso, transmitiulle á súa familia “o agarimo intenso do pobo de Lestedo, así como de todos os que formamos parte da Asociación Cultural da Filloa. Por sempre con nós, amigo Luís”. Pola súa banda, Luís Rial agradeceu a homenaxe e asegurou que para o seu pai “a Festa da Filloa de Lestedo era a máis importante de Galicia. O seu entusiasmo era contaxioso e a súa alegría, inigualable”.

Finalmente, José Manuel Canabal impuxo a condecoración de “Xeneral da Filloa 2024” a José Manuel Iglesias Gómez.

ATRAQUES DOS CORREOS E XENERAIS

Unha vez rematado o acto, ás 14.15 horas tiveron lugar os tradicionais atranques dos Correos e Xenerais, nos que participaron dúas parellas de Correos (Aroa Pena–Andrea Seoane; Rebeca Rey Vázquez-Lucía Noya Vázquez) e cinco parellas de xenerais (José Insua-Andrés Lareo; Aroa Estévez-Esteban Estévez; José Canabal-Javier Saavedra; Olaia Canabal-Gerardo Canabal; e o agardado Uxía Canabal-María Mera).

FestadaFilloaAtranqueMariaMera
 

Este último atranque foi dos máis aplaudidos e agardados, pois xa había dous anos que fora comprometido pola presentadora, que en 2023 deu un pequeno avance pero dende o escenario. Nesta ocasión o atranque foi a cabalo, comezando cun sorprendente e actual “Zorra”, en referencia á canción escollida para Eurovisión.

Rematados os atranques, tivo lugar a actuación do Grupo Ibiza. Ás 18:00 horas, as orquestras París de Noia e Origen porán o broche de ouro á XL Festa da Filloa de Lestedo.

“Aprendín a facer as filloas escoitando, rompendo moitas, practicando e co cariño e...
Comentarios