A iniciativa, enmarcada no Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) financiado con fondos NextGenerationEU, inclúe tres encontros temáticos centrados na gastronomía de proximidade, o turismo de natureza e o enoturismo.
Aposta polo produto local e a conexión co sector hostaleiro
A primeira xornada, celebrada no Pazo da Peregrina, reuniu a unha trintena de pequenas empresas dos once concellos do xeodestino. O encontro puxo o foco na gastronomía e no produto de quilómetro cero, coa finalidade de reforzar a conexión entre o sector primario e o servizos.
Durante a sesión, a experta en marketing Lucía González destacou a importancia de definir unha proposta de valor clara e adaptada a un consumidor en constante cambio, subliñando que “non todo é prezo” e que a autenticidade e a diferenciación son claves para competir.
A continuación, unha mesa redonda reuniu a produtores e profesionais da hostalaría para analizar fórmulas de colaboración. Experiencias como Olea Atlántica, centrada na produción limitada e de alta calidade, ou A Horta do Obradoiro, que aposta por provedores locais, exemplificaron o potencial destas alianzas.
Tres encontros para impulsar o territorio
A presidenta do Xeodestino, Guarina Rey, destacou que estas xornadas buscan “xerar conexións e impulsar modelos sostibles baseados na proximidade e na identidade do territorio”.
O ciclo continuará o 13 de maio en Teo cun encontro centrado no turismo de natureza e deportivo, onde se abordará a xestión de espazos naturais e o equilibrio entre conservación e uso turístico.
A terceira e última xornada terá lugar en Vedra e estará dedicada ao enoturismo, co foco posto nos retos da DO Rías Baixas na subzona Ribeira do Ulla, incluíndo cuestións como a sustentabilidade, o relevo xeracional e a creación de produto conxunto.
Turismo sostible como motor de desenvolvemento
Con esta iniciativa, o Xeodestino Terras de Santiago reforza a súa aposta por un modelo turístico sostible, baseado na colaboración entre sectores, a valorización dos recursos locais e a creación de experiencias diferenciadas que contribúan ao desenvolvemento económico e social da comarca.
