O Consorcio de Santiago rematou as obras de mantemento da igrexa
de San Caetano, por un importe global de 19.758,63 euros. O responsable deste proxecto é o arquitecto da
Oficina Técnica do Consorcio Pablo Tomé.
Explica que “o problema fundamental da capela era o relativo á súa imaxe exterior.
Podíase apreciar certa deterioración da pintura e da pedra nas catro fachadas,
fundamentalmente nos muros que sobresaen do tellado para formar o cruceiro do
corpo central do inmoble”.
O arquitecto destaca a sucidade que había na pedra da fachada
principal, en particular no campanario, “circunstancia que non tería maior
importancia de non ser pola localización estratéxica que a igrexa ten á entrada
a cidade na cara norte, con moita visibilidade debido á súa presenza illada”.
Segundo Tomé, no interior
da igrexa podíase apreciar certa humidade en parte dos muros que sosteñen a
cúpula central. Esta situación debíase, en boa medida, ao desprendemento dunha
das baixantes do tellado deste corpo. Por outro lado, o tellado que cobre o
pequeno corpo da esquina noroeste, que antigamente fora unha vivenda, estaba en
estado regular, posto que non fora rehabilitado ao tempo que o resto.
As intervencións realizadas
Entre as
intervencións que se realizaron na capela, destaca a renovación da
pintura exterior das catro fachadas e do corpo central da igrexa. Ademais,
realizouse unha limpeza da pedra da fachada principal co campanario e as
esquinas. Por último, levouse a cabo a renovación do tellado da esquina
noroeste coa introdución dun lucernario en substitución duna vella uralita translúcida.
“Moi importante foi a consolidación da parte superior da espadana
e a súa unión coa caseta situada na parte posterior, que estaba totalmente
separada. Tamén se renovaron as grapas de metal de unión da sillería da
espadana; ao tempo que se consolidou a base esférica da cruz, que estaba
completamente aberta” -indica o arquitecto-. Tomé salienta que, “así
mesmo, modificamos as baixantes de pluviais da esquina sureste para diminuír a
auga da chuvia do parterre, responsable de gran parte da humidade do chan
do altar”.