viernes. 26.04.2024

Un total de 56 centros escolares (a razón de 22 pola provincia da Coruña, sete pola de Lugo, outros sete pola de Ourense e 10 pola de Pontevedra) incorpóranse este ano ao programa Club de Letras, unha iniciativa que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade implantou por primeira vez no pasado curso co obxectivo de mellorar as competencias lingüísticas, tanto orais como escritas, do alumnado a través de distintas actividades que fomenten o debate, a reflexión e a lectura crítica.

O departamento educativo da Xunta de Galicia destina un total de 100.000 euros a esta convocatoria, e cada un dos centros recibirá unha achega económica de 1.000 euros para a posta en marcha do programa. Ademais dos 56 centros de nova incorporación nesta segunda convocatoria, dáse continuidade aos 30 que se incorporaron na convocatoria pioneira do ano pasado.

O club está formado por alumnado e profesorado e será coordinado por unha das persoas docentes participantes. As actividades que os centros deseñen no marco do Club de Letras desenvolveranse fóra do horario lectivo e o tempo dedicado a esta actividade deberá chegar a, polo menos, unha media de catro horas ao mes desde que se inicia o proxecto ata que finaliza o período lectivo do curso.

Este curso a temática xira en torno ao coidado, abordado desde unha perspectiva de responsabilidade e corresponsabilidade nas tarefas e nos labores necesarios para a atención das persoas que están a padecer unha situación de vulnerabilidade causada pola enfermidade, pola pobreza, pola soidade, pola dor, pola violencia de xénero, pola LGTBIfobia ou outras circunstancias. Esta vulnerabilidade mesmo puido producirse e/ou agravarse durante o período de confinamento vivido a raíz da pandemia da covid-19 e podería abordarse a temática do coidado neste contexto.

Os proxectos realizados sobre este tema poderán abordarse desde un punto de vista literario, artístico, filosófico ou histórico; e poderán centrar o seu foco de interese na actualidade, en anteriores etapas da historia ou conxugando ambos os dous enfoques.

O Club de Letras defínese como un espazo de aprendizaxe non formal baseado nunha metodoloxía de indagación. Neste marco o profesorado suxire diferentes accións enfocadas ao alumnado co obxecto de que poidan afondar, descubrir e coñecer novos eidos relacionados coas Humanidades, as Artes e as Ciencias Sociais. Fundaméntanse, polo tanto, nunha metodoloxía baseada no descubrimento, a indagación, o debate, a lectura reflexiva, a análise crítica, a creación e a aprendizaxe colaborativa.

No caso da educación primaria, a iniciativa achegarase a estes eidos do coñecemento fundamentalmente a través da escritura creativa, a exploración e creación artística, a lectura reflexiva e fomentando, de ser posible, unha achega lúdica e dinámica. Na educación secundaria e bacharelato procurarase unha visión transversal e interrelacionada das manifestacións literarias e artísticas, abordando perspectivas filosóficas e/ou históricas, así como a potenciación da capacidade creativa e de lectura reflexiva, coa finalidade de fomentar competencias de comprensión e de pensamento crítico do mundo actual.

Listado de centros

Provincia da Coruña:
 

A CoruñaCEE Nosa Señora do Rosario
A CoruñaCEIP Alborada
A CoruñaIES A Sardiñeira
A CoruñaIES Plu Eusebio da Guarda
A CoruñaIES Ramón Menéndez Pidal
A Pobra do CaramiñalCEP Pilar Maestú Sierra
AmesCEIP de Barouta
ArteixoIES Manuel Murguía
BaioIES Maximino Romero de Lema
CeeIES Agra de Raíces
DodroCPI Plu Eusebio Lorenzo Baleirón
FerrolCEIP Plu A Laxe
FerrolIES Sofía Casanova
MoecheCEIP San Ramón
MurosIES As Insuas
OleirosIES María Casares
PadrónIES Camilo José Cela
PontecesoIES Eduardo Pondal
Santiago de CompostelaCEE A Barcia
Santiago de CompostelaCEIP Pío XII
Santiago de CompostelaIES Lamas de Abade
ToquesCEIP Plu de Toques

Provincia de Lugo:

BegonteCEIP Virxe do Corpiño
LugoIES Xoán Montes
Monforte de LemosIES A Pinguela
Outeiro de ReiCEIP Laverde Ruiz
SarriaIES Xograr Afonso Gómez
Seoane do CourelCPI Poeta Uxío Novoneyra
VilalbaIES Santiago Basanta Silva

Provincia de Ourense:

O Barco de ValdeorrasIES Lauro Olmo
OurenseCEIP Manuel Sueiro
OurenseIES 12 de Outubro
OurenseIES Ramón Otero Pedrayo
SarreausCEIP de Sarreaus
Xinzo de LimiaIES Cidade de Antioquía
Xunqueira de AmbíaCEIP Padre Crespo

Provincia de Pontevedra:

Fornelos de MontesCEIP Doutor Suárez
LalínIES Laxeiro
MoañaIES As Barxas
O RosalCPI Manuel Suárez Marquier
PonteareasCEIP Fermín Bouza Brey
PonteareasCEIP Nosa Señora dos Remedios
PonteareasIES do Barral
PontevedraCEIP de Vilaverde-Mourente
PontevedraIES A Xunqueira II
PontevedraIES Valle-Inclán
RedondelaCEIP de Laredo
RedondelaIES Pedro Floriani
Salvaterra de MiñoIES Salvaterra de Miño
SilledaIES Plu Pintor Colmeiro
VigoIES Alexandre Bóveda
VigoIES Carlos Casares
VigoIES de Teis
VigoIES Valadares
Vila de CrucesCEIP Plu de Cerdeiriñas
Vila de CrucesIES Marco do Camballón

56 centros educativos incorpóranse ao programa 'Club de Letras'