viernes. 29.03.2024

13 comunidades únense para garantir seguridade xurídica do planeamento urbanístico

Entregouse o Manifesto pola seguridade xurídica do planeamento territorial e urbanístico, documento acordado no encontro Xacobeo 21-22 organizado pola Xunta o pasado marzo e que congregou en Santiago aos responsables do ramo de 13 comunidades —Galicia, País Vasco, Andalucía, Asturias, Cantabria, Murcia, Valencia, Aragón, Navarra, Estremadura, Illas Baleares, Madrid e Castela e León— e das Cidades Autónomas de Ceuta e Melilla.
A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo xunto cos seus homólogos estremeño e vasco reuníronse onte co secretario xeral de Axenda Urbana e Vivenda.
A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo xunto cos seus homólogos estremeño e vasco reuníronse onte co secretario xeral de Axenda Urbana e Vivenda.

Os directores xerais dos departamentos con competencias en urbanismo de Galicia, Estremadura e País Vasco reuníronse onte co secretario xeral de Axenda Urbana e Vivenda do Goberno central para facerlle entrega do Manifesto pola seguridade xurídica do planeamento territorial e urbanístico, documento acordado no encontro Xacobeo 21-22 organizado pola Xunta o pasado marzo e que congregou en Santiago aos responsables do ramo de 13 comunidades —Galicia, País Vasco, Andalucía, Asturias, Cantabria, Murcia, Valencia, Aragón, Navarra, Estremadura, Illas Baleares, Madrid e Castela e León— e das Cidades Autónomas de Ceuta e Melilla.

Na reunión, á que asistiu en nome de Galicia a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, tamén se informou ao representante estatal das numerosas adhesións recibidas nos últimos meses por parte de colectivos profesionais, económicos e sociais, así como da proposición non de lei para sumarse ao referido manifesto aprobada polo Parlamento de Galicia o pasado mes de maio, co apoio dos grupos popular e socialista.

Neste sentido, Rivas aproveitou a xuntanza para defender a necesidade de “fortalecer a cooperación e a coordinación” neste eido entre administracións públicas a todos os niveis, subliñando que a Xunta leva tempo preocupada pola crecente “inseguridade xurídica” que xera a anulación xudicial dalgunhas normas urbanísticas por vicios de forma, botando por terra “anos de tramitación e esforzo colectivo”.

De entre todos os apoios recibidos cómpre subliñar a adhesión de institucións como a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), ou varias deputacións pertencentes a diferentes territorios e Comunidades, entre elas, as catro galegas ou as de Málaga e Guipuzkoa.

Así mesmo, subscribiron tamén o contido do manifesto o Consello Superior de Colexios de Arquitectos de España (CSCAE), a Agrupación de Arquitectos e Urbanistas de España (AUE), o Consello Económico e Social de Estremadura así como diferentes colexios oficiais de enxeñeiros e escolas, agrupacións empresariais e firmas do sector da construción.

Pola súa parte, o secretario xeral de Axenda Urbana e Vivenda, David Lucas, dixo entender as circunstancias e cuestións que motivan a iniciativa autonómica, ao tempo que se comprometeu a estudar o manifesto e as necesidades trasladadas durante o encontro, e que, segundo dixo, están en liña con actuacións que xa se están impulsando desde o Goberno central para tratar de responder a algúns dos problemas aos que se enfronta o urbanismo e a ordenación do territorio no que respecta á seguridade xurídica.

13 comunidades únense para garantir seguridade xurídica do planeamento urbanístico
Comentarios