jueves. 02.05.2024

Azucena Mora: “Estamos inmersos nunha pandemia silenciosa”

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra teñen en marcha o segundo bloque do IV Ciclo de Conferencias “Aida Fernández Ríos”, dirixido a alumnado de Secundaria e Bacharelato, co fin de achegar a ciencia e fomentar as vocacións científicas entre a poboación máis nova. Esta iniciativa está coordinada pola catedrática de Microbioloxía da Universidade de Santiago e vicepresidenta da RAGC Alicia Estévez Toranzo. O vindeiro luns, 30 de outubro, celebrarase unha nova charla, que terá lugar no CPR Aloya de Vigo, ás 15:00 horas.
Azucena Mora.
Azucena Mora.

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra teñen en marcha o segundo bloque do IV Ciclo de Conferencias “Aida Fernández Ríos”, dirixido a alumnado de Secundaria e Bacharelato, co fin de achegar a ciencia e fomentar as vocacións científicas entre a poboación máis nova. Esta iniciativa está coordinada pola catedrática de Microbioloxía da Universidade de Santiago e vicepresidenta da RAGC Alicia Estévez Toranzo. O vindeiro luns, 30 de outubro, celebrarase unha nova charla, que terá lugar no CPR Aloya de Vigo, ás 15:00 horas.

O alumnado asistirá á charla “Superbacterias e One Health: do filete ao raposo e á diarrea”, que impartirá Azucena Mora Gutiérez. É catedrática de Microbioloxía da Universidade de Santiago e investigadora do Laboratorio Nacional de Referencia para a Detección de E. coli en Alimentos da USC -incluído na Rede Europea de Laboratorios de Referencia-, membro do Comité Científico da Agencia Española de Seguridad Alimentaria y Nutrición e directora do Centro de Investigación de Biomedicina e Veterinaria da USC. Con máis de 30 anos de experiencia no estudo da bacteria Escherichia coli como patóxena para humanos e animais, lidera a liña de investigación de Seguridade Alimentaria e Resistencia aos Antibióticos “da granxa á mesa" baixo a perspectiva dunha saúde única "One-Health".

Tal como explica a experta, “a resistencia aos antimicrobianos mata xa cada ano ao redor de 1,2 millóns de persoas e, ademais, pon en perigo a seguridade alimentaria, o desenvolvemento sostible e, de xeito global, a estratexia da granxa á mesa”. Nesta liña, a investigadora sinala que “estamos inmersos nunha pandemia silenciosa que require unha abordaxe dunha Saúde Única (One Health). Con esta perspectiva, analizamos a problemática no Laboratorio de Referencia de E. coli do Campus Terra da Universidade de Santiago e as nosas investigacións demostran que as ‘superbacterias’ flúen polos distintos ecosistemas, desde unha granxa a un filete que come o consumidor, ou un pito que come o raposo. Chegamos a esta conclusión porque observamos que na carne (de vacún, de pito e de porco) dos nosos supermercados estaba presente unha bacteria multirresistente coas mesmas características xenómicas que a que producía diarrea en pacientes da mesma área sanitaria. Ademais, illámolas das feces de animais silvestres da provincia de Lugo”.

A investigadora indica que tamén atoparon evidencias xenómicas desta superbacteria noutras zonas xeográficas de España e noutros países. “Preocúpannos os nosos achados porque este tipo de ‘superbacterias’ intégrase na nosa microbiota intestinal, polo que podemos ter problemas de infeccións de difícil cura”.

Os investigadores traballan na procura de ferramentas alternativas aos antibióticos como o uso de vacinas

Azucena Mora salienta que aos membros do seu equipo de investigación preocúpalles así mesmo o feito de que estas superbacterias aparezan en animais silvestres, xa que “isto significa que os humanos estamos a coidar mal o planeta”. Apunta que no laboratorio están a buscar estratexias que lles permitan poder vixiar mellor a estes microorganismos, e tratar de poñerlles freo con ferramentas alternativas aos antibióticos, como son as vacinas ou a terapia con fagos -terapia que emprega bacteriófagos para tratar infeccións bacterianas patoxénicas-.

“Gañar esta batalla é cousa de todos. Estamos convencidos de que medidas sinxelas como informar sobre esta materia nos centros educativos ou o cociñado e manipulación axeitada dos alimentos en todos os establecementos son tamén claves para reducir as infeccións polas ‘superbacterias’ transmitidas por alimentos e, en consecuencia, garantir que os nosos antibióticos funcionen durante moito tempo salvando vidas” -manifesta-.

 

 

Azucena Mora: “Estamos inmersos nunha pandemia silenciosa”
Comentarios