Durante tres días de competición, entre o 28 e o 30 de marzo, as augas de Ribeira acolleron unha cita clave do calendario autonómico da vela, organizada polo club local por delegación da Real Federación Galega de Vela e co apoio do Concello, Frinsa, Congalsa e Gadis, ademais da colaboración de diferentes entidades.
Na clase ILCA 4 Sub16 Masculino, o triunfo quedou na casa grazas a Daniel Iglesias, do Club Náutico Deportivo de Riveira, acompañado no podio por Roque González (RCN Vigo) e Eros Ferreira (MRCY Baiona). En Sub16 Feminino, dominio absoluto das regatistas locais con Antía Meilán como campioa, seguida por Maeve Rey e Amara Ventoso.
En Sub18 Feminino, a vitoria foi para Sofía Soliño (RCN Rodeira de Cangas), con Ana Costas (RCN Vigo) e Alexandra Lis (Cangas) completando o podio. Pola súa banda, en Sub18 Masculino, Alejandro Pérez (RCN Vigo) proclamouse campión galego, seguido de Jaime Díaz (Marina Coruña) e do propio Daniel Iglesias.
Na categoría ILCA 6 Feminino, Lucía Vaquerizo (RCN Sanxenxo) fíxose co ouro, mentres que Marta Cora (RCN A Coruña) e Candela Asensio (RCN Portosín) lograron prata e bronce, respectivamente. En ILCA 6 Masculino, o ribeirense Bruno Iglesias, un dos favoritos e actual campión da Copa de España, confirmou os prognósticos e subiu ao máis alto do podio, seguido polos irmáns Ramón e Miguel Rey Sherevera, do RCN Vigo.
A entrega de premios contou coa presenza da alcaldesa de Ribeira, Mariola Sampedro, así como representantes institucionais, da Federación Galega de Vela e das entidades colaboradoras, pechando un campionato marcado polo alto nivel competitivo e a excelente organización.
