A presentación oficial do evento tivo lugar este martes nas instalacións do propio Centro Galego de Vela nun acto encabezado polo presidente da Real Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde, acompañado por representantes da Xunta de Galicia, do Concello de Vilagarcía, da Deputación de Pontevedra, da Autoridade Portuaria e doutras institucións vinculadas ao sector marítimo e deportivo.
A competición arrincará este venres coas probas das clases Optimist, ILCA 4 e 420, ás que se sumarán durante a fin de semana os ILCA 6 e 7, Fórmula Foil, Raceboard, Techno 293, Wing Foil, Vaurien e Snipe. Estes últimos disputarán ademais a súa fase clasificatoria para o Campionato do Mundo Xuvenil de 2026.
Pola súa banda, a clase IOM de radiocontrol desenvolverá a súa competición ao longo do sábado na dársena interior do porto, xunto ao Centro Galego de Vela, permitindo ao público seguir as regatas desde terra.
A Real Federación Galega de Vela deseñou un amplo dispositivo organizativo para dar cabida a todas as modalidades participantes, distribuíndo diferentes campos de regata pola ría de Arousa, cada un deles coordinado polos seus respectivos oficiais e equipos técnicos.
As probas celebraranse tanto en horario de mañá como de tarde, mentres que o domingo quedará reservado para as finais, previstas a partir das 16.00 horas fronte ás instalacións do Centro Galego de Vela. A entrega de premios terá lugar ás 17.30 horas.
A organización destaca o atractivo deste formato, que permitirá ao público seguir de preto o desenlace das distintas competicións e gozar dunha das citas máis importantes do calendario náutico galego.
Todos os participantes competirán polo título de Copa Galicia nas súas respectivas categorías, nun evento que busca promover a práctica da vela e reforzar a súa difusión entre a sociedade galega.
