A Real Federación Galega de Vela (RFGV) celebrou este venres, 7 de marzo, a sétima edición da Gala da Vela Galega, un evento que premia aos mellores deportistas, técnicos, xuíces, entidades, institucións e colaboradores da tempada. Nesta ocasión, a localidade coruñesa de Ribeira exerceu de anfitrioa, no seu Auditorio Municipal, para as máis de 300 persoas que asistiron ao acto.
Co patrocinio e a colaboración do Concello de Ribeira, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e Frinsa, a gala comezou ás 19:30 horas, nunha noite chea de homenaxes na que estiveron presentes Manuel Villaverde, presidente da RFGV; Luis Pérez, alcalde de Ribeira; José Ramón Lete, Secretario Xeral para o Deporte; Antonio Leira, deputado de Deportes da Deputación da Coruña; José Carlos Vidal, alcalde da Pobra do Caramiñal; e Belén Cachafeiro, deputada de Infraestruturas da Deputación de Pontevedra, entre outras autoridades e membros da Xunta Directiva da Real Federación.
Manuel Villaverde inaugurou o acto, destacando que "Ribeira nos acolle para celebrar a Gala da Vela Galega anual, que recoñece os méritos deportivos, o traballo dos nosos técnicos, xuíces e xurados, así como o esforzo e a dedicación das institucións e empresas que fan posible o desenvolvemento do deporte da vela na nosa comunidade".
A campioa olímpica Támara Echegoyen recibiu un dos principais galardóns da noite, como mellor regatista olímpica da tempada. Ademais, recoñeceuse aos irmáns Martín e Jaime Wizner pola súa clasificación para o equipo olímpico español de 49er, e a regatistas como Gonzalo Araújo, campión do mundo de ClubSwan 50 en 2024.
Entre os máis de cen galardóns entregados, destacaron tamén Antón Paz como mellor técnico; o Real Club Náutico de Sanxenxo como mellor club; Lindia Pousa, promesa do windsurf galego; Jano Martín como xuíz con máis competicións da tempada; e José Luis Torres Colomer, presidente do Club Náutico Deportivo de Ribeira, como un dos regatistas de maior idade en activo.
Colomer tamén recolleu o galardón outorgado a Ramiro Carregal, homenaxeado pola súa dedicación ao deporte da vela.
Tras as intervencións de José Ramón Lete e Antonio Leira, Luis Pérez, alcalde de Ribeira, clausurou o acto, agradecendo á RFGV a elección de Ribeira como sede da gala.
A velada finalizou cun cóctel no mesmo auditorio para todos os asistentes.