viernes. 12.07.2024

O Club Bádminton Ponteareas triunfou esta fin de semana no Campionato Galego sub 9 e sub 19, a última competición antes de afrontar as vacacións de verán. O pavillón municipal Álvaro Pino acolleu a arredor de 60 deportistas que disputaron máis de 100 partidos nos que todos os xogadores sub 19 do club ponteareán subiron ao podio, acadando un total de 14 medallas.

Irene Lemos proclamouse Campioa Galega sub 9 nas tres modalidades que participou (individual feminino, dobres femininos, dobres mixtos). Pola súa banda, Roi Vilchez rematou a competición cun ouro e dous bronces, Eva Lemos, con outro ouro e dous bronces, Marta Ucha con prata e bronce, Mario Souto con prata e bronce e Uxía Castro con prata en dobres femininos.

“Para nós é un orgullo ter en Ponteareas deportistas desta calidade, que unha vez máis demostran que a canteira do bádminton ten futuro na vila”, salientou o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, quen quixo felicitar a todas e todos os participantes no campionato pola súa entrega e o seu bo comportamento.

Concello e organización agradecen tamén a grande actuación do corpo arbitral, así como dos voluntarios e voluntarias de Protección Civil que velaron para que toda a xornada transcorrera con normalidade.

A competición estivo organizada polo propio club en colaboración co Concello de Ponteareas e a Federación Galega de Bádminton e co patrocinio da Deputación de Pontevedra e o Servizo de Deportes da Xunta de Galicia.

Os xogadores sub 19 do club ponteareán acadaron un total de 14 medallas