domingo. 09.11.2025

O Concello de Tui inaugurou a súa programación cultural de verán cun fin de semana cheo de tradición, música e celebración. A primeira fin de semana de xullo estivo marcada pola multitudinaria Romaría das Angustias no Monte Aloia e o vibrante V Festival da Cultura Tradicional e Folk.

Romaría das Angustias e 125 Aniversario da Cruz do Aloia

 

O domingo, o Parque Natural Monte Aloia foi o epicentro das celebracións. Centos de persoas reuníronse para a tradicional Romaría das Angustias, que este ano cobrou un significado especial coa conmemoración do 125 aniversario da Cruz do Aloia.

A xornada comezou cedo, ás 8 da mañá, cunha andaina organizada polo Concello que levou a vinte participantes dende o centro urbano ata o cume do monte. Ás 12 do mediodía, a capela acolleu a misa solemne, presidida por Monseñor Antonio Valín, bispo da diocese de Tui-Vigo. Tras a liturxia, a procesión coas imaxes da Nosa Señora das Angustias e de San Xulián ampliou o seu percorrido ata a Cruz, en homenaxe ao seu aniversario. A Banda de Música Popular de Tui pechou a programación matinal cun concerto no recinto da capela, dando paso a numerosos romeiros que gozaron dun xantar no monte.


 

V Festival da Cultura Tradicional e Folk Encheu Tui de Música e Tradición

 

Paralelamente á romaría, as rúas de Tui enchéronse de son e tradición durante tres días co V Festival da Cultura Tradicional e Folk, organizado pola Asociación Cultural San Telmo.

O Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela acolleu durante a fin de semana unha exposición do traxe da muller aldeá do grupo etnográfico Traxandaina. A inauguración da mostra estivo amenizada por música vinculada á vestimenta e á arte de tecer, a cargo de Luís Prego, Cristóbal Pascual, Roberto Porto e Álvaro Iglesias.

O sábado, a praza de San Fernando foi o escenario do X Certame de Gaita e Tamboril. O primeiro premio foi para o grupo Meigas Fritas, formado por Manuel Ramón Seoane (gaita) e Francisco Cives (tamboril), de Sobrado dos Monxes (A Coruña). O segundo posto recaeu no Dúo Ortegalia, de Antón Franco (gaita) e Andrés Pérez (tamboril), de Ortigueira. Finalmente, o terceiro premio foi para o conxunto Sisto, con Manuel Sisto (gaita) e Eduardo Andrés Sisto (tamboril), de Tomiño. O certame contou coa participación de grupos procedentes de diversas localidades galegas, ademais da actuación das pandereteiras da Asociación Cultural San Telmo. A noite rematou co emotivo concerto “Cantares no Camiño” de Xisco Feijoo e María Vidal.

O domingo, o Paseo da Corredoira transformouse no escenario do X Día da Muiñeira, no que 14 agrupacións folclóricas de toda Galicia exhibiron a súa arte. Grupos como Trompos Ós Pés (Marín), Andarela (Vigo), e Lembranzas da Ría (Cangas) encheron o paseo con ritmos e bailes tradicionais.

Previo á entrega de detalles conmemorativos, tanto o alcalde, Enrique Cabaleiro, coma a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, agradeceron a participación dos grupos e salientaron o seu inestimable traballo por “manter vivo o noso patrimonio”.

Deste xeito, Tui pechou unha fin de semana inaugural de verán na que a tradición e a música foron as grandes protagonistas, reafirmando o valor da cultura galega.

Tui inicia o Verán Cultural con éxito de romaría e música tradicional
Comentarios