O Concello de Tui renderá homenaxe este xoves, 26 de xuño, ás 20:00h na Praza do Pracer, á destacada escritora Francisca Herrera Garrido (A Coruña, 1869-1950). Este recoñecemento enmárcase nos actos conmemorativos do aniversario dos Xogos Florais de Galicia, o primeiro evento público celebrado integramente en lingua galega na etapa contemporánea, que tiveron lugar no Teatro Principal tudense entre o 24 e o 26 de xuño de 1891.
Francisca Herrera Garrido foi unha figura senlleira na literatura galega, sendo a primeira muller en publicar unha novela en lingua galega e tamén a primeira muller en ingresar na Real Academia Galega en 1945.
Unha conexión profunda con Tui
A escritora mantivo unha forte conexión con Tui, onde pasou longas temporadas visitando á súa irmá María, casada con Pedro Areal, xeneral de Cabalería e fillo do avogado e político tudense Esteban Areal. A familia Areal residía na rúa Pracer, no corazón do conxunto histórico de Tui.
Precisamente, o seu sobriño neto, José Leoncio Areal, editou recentemente a "Obra en galego de Francisca Herrera", un traballo minucioso realizado pola catedrática emérita da Universidade de Vigo, Camiño Noia.
Programa da homenaxe: presentación e placa conmemorativa
O acto de homenaxe deste xoves comezará coa presentación do libro “Obra en galego de Francisca Herrera”, a cargo da profesora Camiño Noia e o editor José Leoncio Areal, quen estarán acompañados pola música do alumnado do Conservatorio Municipal de Música de Tui.
Posteriormente, procederase ao descubrimento dunha placa conmemorativa de Francisca Herrera na que foi a casa familiar Areal, na rúa do Pracer.
Para a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente Solla, este acto "contribuirá á divulgación da obra desta egrexia escritora galega e recuperará para a nosa cidade a memoria da súa presenza en Tui en numerosos períodos da súa vida".
Os Xogos Florais de Galicia de 1891: un fito na lingua galega
Esta homenaxe tamén serve para rememorar a celebración en Tui, entre o 24 e o 26 de xuño de 1891, dos Xogos Florais de Galicia. Organizados pola Asemblea Rexionalista Galega, foron o primeiro acto público realizado integramente en lingua galega na era contemporánea, premiando composicións en galego e castelán de diversos xéneros, especialmente poesía, no caso tudense.
Manuel Murguía, primeiro presidente da institución, dirixiuse ao público en galego por primeira vez, cun discurso que compendiaba o seu pensamento historicista e reivindicador, subliñando que o obxectivo principal era "o renacemento dunha nacionalidade case morta e esquecida por medio da literatura, das tradicións e da historia".
Unha Xunta Rexionalista tudense, presidida por Manuel Fernández de Herva e integrada por destacadas figuras locais, organizou un amplo programa que incluíu o traslado das festas patronais de San Telmo. O programa salientou o propio acto dos Xogos, un concurso de gaiteiros, un banquete "rexionalista" e unha función solemne de San Telmo na Catedral. As intervencións de Manuel Murguía, Salvador Cabeza de León ou Alfredo Brañas foron memorables, así como as achegas tudenses do cóengo Manuel Lago, co seu discurso "Gabanza da lingua galega", e o "sermón rexionalista" do cóengo Antonino Cerviño.
Este xoves, Tui reafirma o seu compromiso coa memoria histórica e a promoción da lingua e a cultura galegas, honrando a Francisca Herrera Garrido e rememorando un capítulo fundamental da súa historia.
            
              