miércoles. 12.11.2025

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e a delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participaron hoxe na presentación da segunda edición do Hematofesti, o festival de humor e literatura infantil que se celebrará en Vigo entre o 4 e o 8 de novembro. O evento, que conta co apoio da Xunta de Galicia, consolídase como unha das citas culturais e familiares máis destacadas do outono na cidade.

Durante a presentación, Xosé Merelles destacou que esta iniciativa, que rende homenaxe ao escritor e comunicador Miguel A. López “O Hematocrítico”, falecido en 2023, “contribuirá a ampliar a oferta de lecer e cultura tanto para os vigueses como para os visitantes da cidade”. Engadiu ademais que o Hematofesti forma parte da decena de accións culturais e deportivas apoiadas por Turismo de Galicia en Vigo, en liña cos obxectivos de desestacionalizar a oferta turística e impulsar o turismo familiar no marco da Estratexia de Turismo de Galicia 2030.

Merelles felicitou á organización —liderada pola escritora Ledicia Costas e o ilustrador Alberto Vázquez— por “ser quen de artellar un programa amplo, plural e atractivo, que mestura creación, humor e imaxinación, e que aposta por públicos clave como o infantil e o familiar”.


Un programa diverso con literatura, música e videoxogos

Ao longo das cinco xornadas do festival, Vigo acollerá proxeccións, contacontos, concertos, charlas, obradoiros, espazos de gaming e exposicións en diferentes localizacións, como librarías e centros culturais.

Entre os nomes destacados da programación figuran os ilustradores Javier Jaén e Bea Lema; os autores Pedro Mañas, Susanna Isern, Antonio M. Fraga e Eva Mejuto; o humorista Xosé Antonio Touriñán; os músicos Lucía Aldao, Silvia Superstar, IGMIG e Grande Amore; o xornalista Noel Ceballos; e as escritoras Yolanda Castaño e María Lado.

A exposición “Hematocrítico Ilustrado”, de Alberto Vázquez, abrirá as súas portas na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo coincidindo co inicio do festival, e a partir do 15 de novembro ofrecerá talleres e clubs de lectura de balde ata o Nadal.

O xogo tamén será protagonista coa colaboración de Nintendo, que instalará un Espazo Gaming no Centro Comercial Vialia entre o xoves e o sábado.

Un dos pratos fortes será “Queremos Humor! Academia de comedia de Ignatius Farray”, unha residencia humorística no Vitruvia Club na que o coñecido cómico canario impartirá obradoiros e titorías ao longo da semana.

O xoves 6 de novembro, o Auditorio Mar de Vigo acollerá a Hematogala, presentada por Xosé Antonio Touriñán e María Lado, con actuacións de Grande Amore, IGMIG, Ignatius Farray, Noel Ceballos, Nus Cuevas, Silvia Superstar e Sobria y Serena (Arantxa Treus e Jazmín Abuín).


Encontros profesionais e premios

O Hematofesti tamén reservará espazo para o diálogo profesional. Baixo o lema “Economía e Cultura: O Binomio Fantástico”, o martes 4 e o venres 7 celebraranse encontros no Auditorio do Consorcio da Zona Franca de Vigo.

O primeiro día contará cunha conversa entre Luz Casal e Ledicia Costas, moderada por Lucía Aldao, sobre a cultura como motor económico e social. O venres, desenvolveranse mesas e entrevistas con nomes como Alberto Vázquez, Alejandro Pérez, Noel Ceballos, María Moya, Xosé Antonio Touriñán, Elena Ferro, Ledicia Costas, Yolanda Castaño e Lucía Aldao.

O sábado 8, a Sede da Deputación de Pontevedra en Vigo acollerá a xornada “Queremos Literatura Infantil”, coordinada por Eva Mejuto e Montse Pena Presas, centrada nesta edición no álbum ilustrado. Dirixida a profesionais da literatura infantil, docentes e público lector, incluirá mesas redondas sobre edición e creación, coa participación de recoñecidas editoras e autoras, ademais dun espazo dedicado á narración oral con Caxoto e Charo Pita.

A xornada clausurarase coa entrega do II Premio de Álbum Ilustrado Humor con H e do Premio de Honra Hematofesti Lenda do Recreo, que este ano recoñecerá a Teresa Rabal, coa entrega a cargo de Manuel Bragado, galardoado na primeira edición.


Vigo, cidade do humor e da creatividade infantil

Con esta segunda edición, o Hematofesti confirma a súa aposta por converter Vigo nun punto de encontro entre humor, literatura e imaxinación, ao tempo que rende tributo a unha das figuras máis queridas e creativas da cultura galega recente, Miguel A. López “O Hematocrítico”.

A segunda edición do Hematofesti converterá Vigo nun epicentro do humor e da literatura...
Comentarios