viernes. 01.03.2024

A Casa de Rosalía, na Matanza, acolleu hoxe ao serán o concerto de presentación do proxecto discográfico Rosalía cantada, que dá ao prelo a Fundación Rosalía de Castro co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade a través do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 da Xunta de Galicia.

A presentación contou coa participación do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen celebrou “este novo CD que enriquece a obra artística creada arredor da poesía rosaliana desde a música”. Neste caso, desde a clásica e rendéndolle un tributo moi especial á autora, que estivo tan vencellada a ela, tanto desde os instrumentos que ela mesma tocaba como desde as referencias musicais que impregnaron a súa obra.

O concerto de presentación, que contou coas interpretacións en directo dos autores do disco, Eliseu Mera e Cándido Cabaleiro, inclúe pezas de compositores clásicos e contemporáneos como Xoán Montes, Juan Durán, Xosé Baldomir, Antón García Abril, Octavio Vázquez e Fernando Buide e xa está dispoñible en plataformas dixitais como Spotify ou iTunes, entroutras.

ROSALÍA CLÁSICA

Rosalía cantada ten como obxectivo reunir e poñer a disposición do público galego (e non só) a obra musical creada a partir dos poemas rosalianos, sobre todo no caso da música clásica, dado que a maioría das pezas non están gravadas ou aparecen rexistradas de maneira dispersa. A súa poesía foi escollida polos principais compositores galegos de música culta para ser convertida en cancións. Moitas destas creacións, como a Negra sombra de Montes ou o Maio longo de Baldomir, chegaron ao público por versións de intérpretes pop ou folk, o cal contribuíu en grande medida á sua difusión, mais ocultou a súa natureza orxinaria.

O disco, promovido pola Casa de Rosalía e pola Fundación Rosalía de Castro, foi gravado en directo o pasado 14 de novembro no Auditorio de Galicia, da man do enxeñeiro de son Pablo Barreiro, e contou co apoio do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 da Xunta.

'Rosalía Cantada'