jueves. 25.04.2024

Afundación, a Obra Social de ABANCA, acollerá mañá, sábado 22 de abril, ás 19.00 h no auditorio da súa Sede da Coruña o concerto familiar «Ópera para tutti», cuxas invitacións están dispoñibles en Ataquilla.com. Este evento está enmarcado no programa solidario «Cultura por alimentos», en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL), de modo que o acceso ao espectáculo será a cambio da doazón de produtos non perecedoiros á entrada do recinto.

«Ópera para tutti» é un proxecto artístico do Quinteto Rubato, grupo de cámara con máis de vinte anos de traxectoria. Con este proxecto queren achegar a todos os públicos un xénero musical dunha gran calidade e algunhas composicións que son moi recoñecibles para calquera persoa.

A escoita de pezas de ópera moitas veces está asociada a eventos de grande envergadura que fan que o acceso a estes espectáculos non estea ao alcance de todos/as. Por este motivo a idea de achegar a ópera a través dun quinteto, e xunto con solistas de recoñecido prestixio, permite ofrecer esta fermosa música a un maior número de salas e de público.

Este proxecto está formado integramente por músicos profesionais galegos que levan décadas traballando no campo da música de cámara e como solistas. O quinteto Rubato conta con 20 anos de traxectoria e os seus integrantes actuaron en distintos escenarios de numerosos países.

Como solistas estarán Patricia Rodríguez Rico (soprano) e Diego Neira Sinde (tenor); ambos contan cunha ampla traxectoria en destacados papeis operísticos.

Unha das finalidades deste proxecto é achegar este tipo de repertorio dunha maneira amena para quen o escoite, por ese motivo Belén Xestal, presentadora da TVG, conducirá o espectáculo e presentará as obras que se van a interpretar co fin de romper esa barreira que a veces se crea entre os artistas e o público, neste tipo de repertorio.

'Ópera para tutti'
Comentarios