O festival arrincará este venres 4 de xullo coa inauguración da exposición "O traxe da muller aldeá" no Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela. Da man do grupo etnográfico Traxandaina, esta valiosa mostra permitirá aos visitantes contemplar as roupas tradicionais que vestían as mulleres, especialmente en Lugo, con pezas orixinais que se conservan ata a actualidade. A exposición estará aberta ao público ata o domingo 6.
Tamén o venres, ás 19:30 h no mesmo espazo, terá lugar o concerto inaugural "Fía na roca", a cargo de Luís Prego, Cristóbal Pascual, Roberto Porto e Álvaro Iglesias. Este proxecto musical explorará cantigas e coplas vinculadas ao proceso de elaboración de traxes tradicionais e á arte de tecer.
Gaita, tamboril e investigación musical no sábado
A actividade do festival trasladarase á praza de San Fernando este sábado 5 de xullo. Ás 19:30 h celebrarase o X Certame de Gaita e Tamboril, un encontro que xa se converteu nun referente para os intérpretes destes instrumentos.
Posteriormente, ás 22:00 h, o público poderá gozar do concerto "Cantares nos camiños", con María Vidal e Xisco Feijoo. Este espectáculo didáctico é froito dun exhaustivo traballo de investigación que recupera a música tradicional galega presente nos seis principais Camiños de Santiago.
O X Día da Muiñeira pechará o festival o domingo
O domingo 6 de xullo, ás 19:30 h, Tui acollerá o X Día da Muiñeira, un dos eventos máis esperados do festival. Un vistoso desfile partirá dende a rúa Ourense para percorrer as rúas da cidade e rematar no Paseo da Corredoira, onde terá lugar un gran concerto-exhibición.
Nesta edición participarán 14 recoñecidos grupos de baile tradicional, procedentes de diferentes puntos de Galicia: Trompos Ós Pés (Marín), Andarela (Vigo), Flores do Galiñeiro (Vincios), Pais de San Roque (Cangas), Grupo Folclórico Ventos de Comesaña (Vigo), Peña Xuntanza (Vigo), Agrupación Cultural Xunco (Salceda de Caselas), Asociación Cultural Folclórica Tarambainas (Vigo), Lembranzas da Ría (Cangas), Asociación As Nosas Rúas (Vigo), Meiramar Axóuxeres (Moaña), Mosteiro Pexegueiro, Saragana Traxe de Tui, e os anfitrións Alfándega Asociación Cultural San Telmo.
Este V Festival da Cultura Tradicional e Folk é a primeira cita da programación cultural de verán organizada polo Concello de Tui, que continuará durante os meses de xullo e agosto cunha oferta de calidade pensada para todos os públicos e en escenarios patrimoniais únicos. Non perdas a oportunidade de mergullarte na riqueza da nosa cultura!
