viernes. 03.05.2024

A escritora Ledicia Costas participa nun encontro na Biblioteca de Tui

Os Clubs de Lectura que promove a Biblioteca Municipal de Tui manterán o próximo martes, 20 de xuño, un encontro coa escritora Ledicia Costas. Estará centrado especialmente na súa novela “Golpes de luz” (2021) así como na súa traxectoria literaria. Esta actividade significa tamén o fin deste curso de actividade de animación á lectura promovida pola Biblioteca tudense.

Ledicia Costas (Vigo, 1979) é avogada, aínda que hai anos que dedica á literatura todo o seu tempo. Estreouse como autora sendo moi nova coa publicación da novela xuvenil “Unha estrela no vento” (2000). Desde entón e ata hoxe, no eido da narrativa infantoxuvenil ten publicado numerosas obras pero, sobre todo cómpre citar, “Escarlatina, a cociñeira defunta” (2014), libro co que gañou primeiro o Premio Merlín e logo o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, amais do unánime recoñecemento de público e crítica e a súa inclusión na lista de honra do IBBY.  Con “Jules Verne e a vida secreta das Mulleres Planta”, obtivo o prestixioso Premio Lazarillo en 2015 que repetiu no ano 2017 con “A balada dos unicornios” e de novo en 2021 coa “A lebre mecánica” converténdose na única autora que acadou este recoñecemento en tres ocasións. No mesmo ano 2021 logra por segunda vez o Premio Merlín, nesta ocasión pola súa novela infantil “O neno de lume”. No eido da prosa para adultos publicou o libro de relatos “Un animal chamado néboa” (2015),  “Infamia” (2019) e no ano 2021 “Golpes de luz”. En 2022 gañou o XX Premio de Poesía Afundación con “Ultraluz”.

No ano 2020 recibiu o Premio da Cultura de Galicia de Creación Literaria sendo a persoa máis nova desde a fundación do galardón en conseguir este recoñecemento.

Complementariamente a este seu quefacer como narradora, Costas tamén é habitual en palestras e xornadas sobre literatura e ten recitado os seus versos nos máis variados espazos.

A Biblioteca Pública Municipal de Tui ten en funcionamento dous clubs de lectura, un denominado “Tempo de mulleres” que coordina a escritora Conchi Regueiro e que patrocina a concellaría de Igualdade, e outro xenérico que é atendido polo persoal da propia Biblioteca.

A escritora Ledicia Costas participa nun encontro na Biblioteca de Tui
Comentarios