domingo. 21.04.2024

É un libro singular, segundo o seu autor Miguel Anxo Mouriño. Singular porque nun só volume reúnense os poemas satíricos que se cruzaron tres escritores do chamado Século de Ouro, Góngora, Quevedo e Lope. E tamén porque se comentan os poemas en galego, a lingua vehicular de Mouriño.

Isto último cualificouno o presentador do libro Carlos Méixome, historiador e amigo do autor, de “provocativo”. Aínda que este autores teñen estudos en inglés, francés, italiano...o feito de estar en galego semella unha provocación para algúns. Miguel Anxo engade que el sempre escribe e fala en galego. Polo tanto, é o máis natural escribilo na súa lingua vehicular.

Méixome atopa un fío común entre Mouriño e os tres poetas. Afirma do autor o seu “asombroso dominio da corrección lingüística”.

Miguel Anxo, pola súa parte, destaca o enxeño dos tres no exercicio da sátira. E entre Góngora e Quevedo sinala que o enxeño do primeiro “é máis sutil”. De Lope di que “non lle falta enxeño, pero ten outras características máis importantes que esa”.

O lector ao que se dirixe Mouriño é un lector corrente, curioso. ‘Campo de Pullas’, aclara, non é un libro científico, nin de investigación. Non trata de aportar algún descubrimento. “É un libro divulgativo para que se coñezan estes poemas”, insiste.

Méixome e Mouriño coinciden en que é “un libro para pasalo ben”.

 

‘Campo de Pullas’, un libro divertido para desfrutar de tres mestres da sátira como son...
Comentarios