O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, enxalzou este sábado os beneficios que a celebración de festas gastronómicas como a do Caldo Galego de Mourente aporta ao destino turístico Rías Baixas. O evento, que tivo lugar no salón de plenos do Pazo provincial, celebrou a súa tradicional cerimonia anual de imposición de capas aos novos donos e Cabaleiros da Orde do Caldo Galego.
"A Festa do Caldo Galego de Mourente é un expoñente da nosa marca Rías Baixas: un destino turístico ligado á cultura, neste caso á gastronomía, para desfrutar os 365 días do ano en calquera dos 61 concellos da provincia", afirmou o mandatario provincial durante o seu discurso.
O acto, conducido polo presidente da Festa do Caldo Galego, iniciou cunha benvida de Antonio Reguera, presidente da orde do Caldo Galego. Seguidamente, procedeu-se á imposición de capas a cinco novos donos e cabaleiros: Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade e deputado provincial; Micaela Martínez Benavente, xerente territorial do Catastro en Pontevedra; Demetrio Gómez, concelleiro de Festas e Cultura do Concello de Pontevedra; Pablo Fernández, secretario xeral de Emprego da Xunta de Galicia; e Xosé Alvarez Castro, historiador, escritor e experto en memoria histórica.
Antes do himno galego, interpretado polo grupo de gaitas Los Alegres de Mourente, tiveron lugar os discursos institucionais. Fernando Silva, presidente da Confraría Luso Galaica; Anabel Gulías, confrade da Orde do Caldo Galego e concelleira no Concello de Pontevedra; e Luis López, presidente da Deputación e confrade da orde, tomaron a palabra.
López felicitou aos novos confrades e resaltou o seu papel como embaixadores da gastronomía e da provincia. Tamén recoñeceu aos impulsores da festa, que celebra a súa 33ª edición, e destacou o seu atractivo turístico.
No Día Internacional da Muller, López lembrou o papel das mulleres na preservación da receita tradicional: "As nosas avoas ou as nosas nais son as que mantiveron viva esta receita ancestral e as que cada domingo alimentaban non só os nosos corpos, senón a nosa cultura e a nosa identidade".
Finalmente, o presidente convidou a todos a desfrutar da festa e do prato, asegurando que "co Caldo Galego de Mourente tamén é inevitable repetir.