Brión rende homenaxe ao teatro galego coa entrega do VIII Premio Laudamuco a María Peinado Casal
A Sala Municipal de Exposicións da Casa da Cultura de Brión será escenario o sábado 16 de maio, ás 18.00 horas, da entrega do VIII Premio Laudamuco para Textos Teatrais, un certame consolidado como unha das referencias culturais no ámbito das artes escénicas galegas.
Nesta edición, o galardón recaerá na escritora María Peinado Casal, recoñecida pola súa contribución á dramaturxia contemporánea. O evento contará coa presenza do alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín; do presidente da Academia Galega de Teatro, Miguel Pernas Cora; e do director de Edicións Positivas, Francisco Macías.
A convocatoria está impulsada polo Concello de Brión coa colaboración da Academia Galega de Teatro, Edicións Positivas e a Biblioteca Pública de Brión, reforzando así a aposta municipal pola promoción da cultura e da creación literaria en galego.
A programación da xornada incluirá ademais, ás 20.30 horas no Centro Social, a estrea da obra “Polo de Franco”, a cargo de Teatro do Noroeste, completando unha tarde dedicada integramente ao teatro galego.
As persoas interesadas en asistir ao acto deberán confirmar previamente a súa presenza antes do 14 de maio a través do teléfono 981 50 99 08.