sábado. 20.04.2024

Os tres títulos de literatura dramática galega vencedores na última convocatoria dos premios Álvaro Cunqueiro e Barriga Verde acaban de ver a luz nas coleccións que a Xunta mantén con Edicións Xerais de Galicia e con Baía Edicións para poñer a disposición dos lectores os textos recoñecidos con estes galardóns da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Trátase da obra As desterradas, coa que Carme Varela obtivo o XXV Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, o máis lonxevo do seu ámbito en Galicia, así como das gañadoras do XIV Barriga Verde de textos para teatro de monicreques: República Sideral, de Esther F. Carrodeguas, na modalidade para adultos, e Pois eu!, de Carlos Losada Galiñáns, na de rapaces. Os tres títulos poden adquirirse tanto na Libraría Institucional da Xunta como nos principais puntos físicos de venda.

O primeiro deles pasa a ocupar o número 26 da Biblioteca dramática galega, colección posta en marcha pola Xunta e Xerais para lles dar visibilidade ás pezas recoñecidas tanto co Álvaro Cunqueiro como co Manuel María para textos de literatura dramática infantil, declarado deserto na súa última convocatoria.

Pola súa banda, o acordo de coedición con Baía céntrase na publicación e distribución das obras distinguidas co Premio Barriga Verde a través da colección homónima, nacida en 2004 para albergar pezas escritas especificamente para ser representadas por monicreques e que, con estas dúas novas incorporacións, suma xa 17 títulos.

LITERATURA DRAMÁTICA

Complétase así a publicación de todas as obras galardoadas ata o momento con estes premios literarios, que teñen por obxectivo incentivar a escrita teatral en Galicia, así como impulsar a súa posta en valor e proxección social. Materialízase, ademais, a posibilidade incluída nas bases da convocatoria, segundo as que as obras gañadoras poden ser publicadas dentro das coleccións que a Consellería de Cultura mantén en colaboración con varias editoriais.

As desterradas, primeiro texto teatral de Carme Varela, xorde da idea de escribir unha obra para unha das actividades da asociación do patrimonio medieval O Sorriso de Daniel, da que a autora forma parte desde a súa fundación. O texto conta os últimos días do mosteiro de monxas bieitas de San Salvador de Albeos, no actual concello de Crecente, adentrándose no enfrontamento entre a Coroa de Castela e os mosteiros bieitos de Galicia desde o punto de vista das perdedoras desta batalla desigual.

Ten tamén unha inspiración histórica República Sideral, da actriz, directora e escritora Esther F. Carrodeguas, unha farsa esperpéntica que parte dun episodio pouco coñecido da historia de Galicia: a declaración da República Federal Independente da Illa de Arousa durante unhas horas entre o 7 e o 8 de outubro de 1934. Botando man do humor e do deostado teatro da cachaporra, Carrodeguas propón unha reflexión sobre o absurdo da condición humana, a guerra, os enfrontamentos ideolóxicos e as mortes gratuítas.

ILUSTRACIONES

Pola súa banda, o autor e director teatral Carlos Losada Galiñáns volveu resultar galardoado cun dos premios literarios da Xunta, tras ser o gañador en 2008 do Manuel María de literatura dramática infantil por Game Over. Desta volta, obtivo o Barriga Verde na modalidade para rapaces co texto Pois eu!, que se publica acompañado das ilustracións de Mateo Alvarellos.

Trátase dunha proposta metateatral con diferentes tramas que remiten desde o fantástico nos ecos da tradición artúrica, ata unha sutil sátira política. Ademais, inclúe o tema da identidade de xénero, fuxindo de didactismos e integrándoo no conflito de maneira transversal.

'As desterradas' de Carme Varela, Premio Álvaro Cunqueiro