jueves. 28.03.2024

A Asociación de Medios en Galego celebrará o Día dos Medios en Galego co roteiro ‘Compostela e a lingua’, que se desenvolverá en Santiago o próximo sábado 5 de febreiro e contará, entre outros, coa participación da poeta Rosalía Fernández Rial e a compañía de teatro Os Quinquilláns.

A poeta Rosalía Fernández Rial.



Baixo o lema ‘Bota a lingua a pacer’, iranse realizando paradas en lugares simbólicos na loita polo mantemento do idioma. O percorrido estará acompañado polo cuarteto da Asociación Cultural Panaraiada.

O roteiro arrincará ás 11:30 horas diante do Salón Teatro, na Rúa Nova nº34. Alí Os Quinquilláns representarán unha pequena escena dunha das obras de Roberto Vidal Bolaño, conmemorando así o vinte aniversario so seu pasamento.

Despois, o roteiro continuará na Praza da Universidade, no antigo Restaurante El Asesino, onde o filósofo Antón Baamonde nos descubrirá a importancia dos faladoiros que había nos locais de hostalería composteláns en tempos de crise.

O escritor Bieito Iglesias será o encargado de vincular a relación entre a Universidade de Santiago de Compostela co galego, noutra parada que se realizará na Facultade de Xeografía e Historia.

Haberá tamén unha visita no Colexio de Santo Agostiño, onde a profesora Anxos García Fonte debullará a relación de Rosalía de Castro coa cidade.

Xa na praza de Cervantes, na Zona C, volverán actuar Os Quinquilláns, representando a peza ‘Language Planning’, baseada nun dos relatos de ‘Made in Galiza’ de Séchu Sende.

Para finalizar o acto, a carballesa Rosalía Fernández Rial fará un espectáculo poético-musical.

Inscricións
Para participar no roteiro ‘Compostela e a lingua’, no que colaboran a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago, será necesario inscribirse a través do correo electrónico [email protected]

Día dos Medios en Galego
O Día dos Medios en Galego celébrase cada 7 de febreiro, trala súa declaración institucional no Parlamento de Galicia no ano 2018, co gallo da saída da primeira publicación xornalística realizada integramente en galego, O Tío Marcos d’A Portela, en 1876. 

En 2018 celebrouse en Barallobre (Fene), nun acto no que interviron 25 persoas relacionadas coa nosa cultura e cos medios. En 2019 a gala tivo lugar en Pontevedra, e contou coa presencia de Touriñán e Ugia Pedreira. En 2020 o acto cultural celebrouse no Casino1889 de Carballo, coa dirección de Avelino González e a regueifeira Lupe Blanco, e a actuación da banda Terbutalina. En 2021 tocou facelo vía streaming, cun formato #LateNight presentado por Federico Pérez que tivo que ser adiado polas restricións sanitarias e que se emitiu o 20 de marzo polas canles de Youtube e Facebook da AMEGA, as radios municipais e Nós Televisión. Neste 2022 o evento celébrase por primeira vez na capital galega.

Con esta data festéxase o labor que realizan as máis de 30 cabeceiras que formamos a AMEGA e os máis de 140 medios que fan comunicación actualmente na nosa lingua .

A poeta Rosalía Fernández Rial e a compañía de teatro Os Quinquilláns para celebrar o...