Será no mes de xullo cando se faga público se Tui figura entre os municipios seleccionados na primeira fase. En caso afirmativo, o Concello continuará coa elaboración dun diagnóstico exhaustivo sobre a situación da infancia e adolescencia na cidade, así como co deseño do Plan Local de Infancia e Adolescencia. Estes traballos xa están en marcha, como parte do proceso esixido para acadar o recoñecemento definitivo, previsto para finais de ano.
Tui xa conta, dende 2023, cunha estrutura estable de participación infantil e adolescente: o grupo ParTUIcipando. Este foro reúne periodicamente a nenos, nenas e mozos do municipio, manténdose aberto a novas incorporacións e funcionando como unha canle directa para escoitar as súas propostas e inquedanzas. Representantes deste grupo tamén participan activamente no Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia de Galicia, fortalecendo o seu papel representativo. Ademais, o Concello celebra de forma regular plenos infantís e xuvenís, ofrecendo á infancia a oportunidade de trasladar directamente ao goberno local as súas opinións, preocupacións e suxestións.
A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, subliñou o firme compromiso do concello: “Tui leva tempo traballando nunha liña clara: garantir espazos reais de participación infantil e integrar a mirada dos máis novos nas decisións municipais. Queremos ser unha cidade que escoita, que respecta e que actúa coa infancia no centro”.
A iniciativa Cidade Amiga da Infancia, promovida por UNICEF en colaboración co Ministerio de Mocidade e Infancia, a FEMP e outros organismos especializados, recoñece aos municipios que promoven contornos seguros, saudables, participativos e inclusivos para a infancia e adolescencia. Tui agarda con ilusión o veredicto de UNICEF en xullo, confiando en que o seu traballo e compromiso sexan recoñecidos.
