domingo. 28.04.2024

O Concello de Ponteareas pon en marcha a oferta de contratación pública para o “Servizo de redacción do plan parcial para desenvolver o sector de solo industrial de A Lomba”, unha prioridade que se sitúa como obxectivo das políticas de promoción de actividades económicas e industriais deste termo municipal.

En palabras da Concelleira de Urbanismo Silvia Fernández “este contrato dará resposta a unha demanda histórica e aportará seguridade xurídica ao tecido empresarial de Ponteareas; non só ás empresas xa existentes, senón tamén ás que virán no futuro para que poidan asentarse”. Ademais confirmou que “proximamente convocaremos a todos os axentes implicados, empresarios, propietarios, asociacións, etc., para facelos partícipes e informalos de todo o procedemento”.

A Alcaldesa, Nava Castro, sinala que o obxectivo primordial deste contrato público é “potenciar e expandir as actividades económicas xa presentes na zona, permitindo o seu crecemento e a incorporación de novas industrias lixeiras e non contaminantes”. Así mesmo, tamén busca resolver as necesidades de infraestrutura viaria dentro deste ámbito. En definitiva, a elaboración deste Plan ven a cubrir unha das grandes carencias coas que se aprobou o PXOM no anterior mandato, como é a ausencia de solo industrial para o asentamento de novas empresas o que condiciona de forma singular o desenvolvemento económico da vila.

O importe do contrato para a redacción do plan parcial que rexerá o desenvolvemento deste sector ascende a un total estimado de 99.720 euros. A data límite para presentarse á oferta será o vindeiro mércores 29 de novembro e, unha vez resolta, o prazo de execución do contrato será de 12 meses a contar dende o día seguinte á súa sinatura.

A redacción do Plan Parcial realizarase conforme á normativa vixente, integrando as directrices da Lei do Solo de Galicia e todas as determinacións do PXOM pertinentes para este sector.

Este proxecto encádrase nunha das liñas prioritarias do actual goberno tripartito para o actual mandato como é o fomento da actividade industrial e por tanto económica a través da posta en marcha de diferentes accións como a apertura do centro de emprendemento ou outras iniciativas que promovan o desenvolvemento urbanístico.

Ponteareas reactiva o plan do solo industrial de A Lomba
Comentarios