jueves. 05.03.2026

A padexeira canguesa, considerada unha das grandes figuras do deporte galego e español, pronunciará o pregón o venres 3 de abril ás 13.00 horas, coincidindo coa xornada central da feira. O evento reunirá durante esa fin de semana gastronomía, música, tradición e actividades para todos os públicos arredor dos dous produtos máis representativos da identidade local: o requeixo e o mel.

Teresa Portela fixo historia ao converterse na primeira deportista española en competir en sete Xogos Olímpicos consecutivos. Na súa traxectoria destaca a medalla de prata en K1 200 metros nos Xogos de Tokio 2020, ademais de seis diplomas olímpicos, 17 medallas nos Campionatos do Mundo de Piragüismo —dúas delas de ouro— e outras 17 no Campionato de Europa, sete delas tamén de ouro.

Ao longo da súa carreira recibiu numerosos recoñecementos, entre eles a Real Orden do Mérito Deportivo, coa medalla de bronce en 2004 e a de prata en 2013, así como a Medalla Castelao da Xunta de Galicia en 2019. A súa traxectoria deportiva e persoal converteuna nun referente de perseveranza, esforzo e conciliación familiar.

O alcalde de As Neves, José Manuel Alfonso, destacou que a elección de Teresa Portela como pregoeira responde aos valores que representa. Segundo sinalou, “Teresa Portela simboliza o esforzo, a constancia e a superación. É unha muller, deportista, nai e galega que leva o nome de Galicia por todo o mundo e que constitúe un exemplo inspirador para a nosa veciñanza, especialmente para a xente nova”. O rexedor engadiu que contar con ela como pregoeira “é unha honra e unha maneira de recoñecer os valores que queremos promover desde As Neves”.

A programación da XXXIII Feira do Requeixo e Mel comezará o sábado 21 de marzo co I Memorial Manuel Guitián de bádminton, que se celebrará a partir das 10.00 horas no pavillón municipal. Ao día seguinte, domingo 22, terá lugar a andaina ‘Mitos e crenzas do Termes’, con saída ás 10.00 horas desde a praza do Concello.

As actividades continuarán o venres 27 de marzo cun showcooking con degustación no mercado municipal ás 11.00 horas. O sábado 28 celebrarase a Andaina do Requeixo, con saída ás 10.00 horas do Pousadouro, e pola tarde, ás 19.00 horas, unha xornada sobre os retos da artesanía alimentaria galega con cata de produtos tamén no mercado municipal.

Entre as citas destacadas figura a ofrenda floral das Mulleres do Requeixo, o domingo 29 de marzo ás 17.00 horas en Cerdeira, a III Xornada sobre a vespa velutina o luns 30 ás 19.00 horas no CIPC de Taboexa e a cata de meles de Galicia o martes 31 ás 19.00 horas na Escola de San Cibrán de Ribarteme, ademais da degustación ‘Sabores con marxem’ ás 18.00 horas no mercado municipal.

A fin de semana grande da feira desenvolverase o venres 3 e sábado 4 de abril, coa apertura oficial do evento, pasarrúas, animación infantil, degustacións e concertos. O día 3 actuarán Laura Mariño & Band, a charanga Os Tamega e a orquestra Panama Band.

Xa o sábado 4 de abril terá lugar a III Exposición da Camelia ás 11.30 horas no mercado municipal, o III Certame de Música Tradicional Transfronteiriza ás 16.30 horas, ademais de actividades infantís e actuacións musicais a cargo do grupo 2Tipos, da charanga A Sorcha e da orquestra Charleston Big Band.

A Feira do Requeixo e Mel das Neves consolidouse ao longo dos anos como unha das celebracións máis representativas da comarca, poñendo en valor os produtos locais e apoiando o tecido produtor, ao tempo que dinamiza a economía e reforza a identidade cultural do territorio.

Teresa Portela será a pregoeira da XXXIII Feira do Requeixo e Mel das Neves
Comentarios