O Concello de Ponteareas participou no pleno convocado pola presidencia da RIU (Rede de Iniciativas Urbanas) para analizar a execución dos proxectos incluídos no Plan de Acción Integrado (PAI), que contarán co apoio dos fondos FEDER e estarán orientados ao desenvolvemento urbano sostible.
Ponteareas acadou a través desta convocatoria o maior investimento da súa historia, cun total de 11 millóns de euros procedentes de fondos europeos. Trátase dunha inxección económica que permitirá acometer actuacións clave para transformar o presente e o futuro do municipio, cunha aposta decidida pola modernización, a creación de novos servizos e a mellora das infraestruturas para dar resposta ás necesidades reais da veciñanza.
Desde o Concello sublíñase que este respaldo supón tamén un recoñecemento á capacidade de planificación municipal. A concesión destes fondos foi posible grazas á presentación de proxectos sólidos, ben estruturados e cunha visión estratéxica de longo percorrido, aliñados cos obxectivos europeos en materia de sustentabilidade, cohesión social e desenvolvemento territorial.
Entre as actuacións máis destacadas figura a creación dunha gran biblioteca municipal de máis de 2.500 metros cadrados, concibida como un espazo para cultivar as letras e o pensamento. O novo equipamento contará con biblioteca, salas de estudo e reunión, así como espazos polivalentes destinados á reflexión e á actividade cultural.
O PAI contempla tamén a reurbanización da Praza Bugallal, cun investimento superior aos 900.000 euros, co obxectivo de mellorar a accesibilidade, a funcionalidade e a calidade do espazo público.
No ámbito social, prevese a creación de dous centros de día, un en Guláns e outro en Xinzo, facilitando que as persoas maiores poidan envellecer na súa contorna habitual, preto das súas familias e redes de apoio. Ademais, as parroquias de Padróns e Pías contarán cunha nova casa cultural, reforzando os servizos comunitarios no rural.
O plan inclúe tamén actuacións innovadoras, como a domotización de fogares de persoas maiores que viven soas no rural, mellorando a súa seguridade, autonomía e calidade de vida.
Estes investimentos suporán un salto cualitativo para Ponteareas, tanto pola modernización das infraestruturas como pola creación de novos servizos e estruturas sociais que fortalecen a cohesión territorial e social do municipio.
Desde o goberno local destácase que a consecución destes recursos europeos é froito dunha xestión diaria rigorosa, do traballo coordinado con profesionais e expertos e dunha planificación previa clara, materializada na Infraestrutura Verde e no propio Plan de Acción Integrado, que definiron as liñas de crecemento e transformación do municipio e permitiron presentar propostas maduras, coherentes e con visión de futuro.
