“La música no va a morir nunca, nunca”. Con esta afirmación o coñecido locutor de RNE, Ángel Carmona, abriu esta mañá a terceira xornada do proxecto “Interritmos: Raíces Vivas”, unha iniciativa impulsada por varios Grupos de Desenvolvemento Rurais galegos, entre eles o GDR Terra e Auga, e coordinada por DELOA en colaboración coa Fundación Paideia e a Fundación Paco de Lucía.
A actividade, que se desenvolveu na residencia Artistea de Ponteareas, serviu de punto de encontro entre profesionais da industria musical, artistas emerxentes e representantes institucionais. A clausura contou coa presenza da alcaldesa, Nava Castro, e do presidente do GDR Terra e Auga, Pablo Castillo, quen amosaron a súa satisfacción polo éxito da iniciativa.
O director de Esmerarte e manager de artistas, Kin Martínez, destacou a importancia de ofrecer espazos de experimentación aos creadores: “Estes talleres con grandes expertos axudan aos novos talentos galegos a ser competitivos a nivel estatal, nun momento no que a música galega vive un auxe extraordinario”.
Tamén participou Lucía Sánchez, da Fundación Paco de Lucía, quen subliñou as conexións entre a música galega e o flamenco: “Comparten cultura popular, acordes e emocións. Isto é só o principio dunha relación moi fértil”.
🎨 Artistea, unha residencia municipal pioneira
A alcaldesa Nava Castro reivindicou o papel de Artistea como proxecto innovador:
“Queremos dar espazo para aprender, compartir e investigar arredor da arte. Ao principio custou explicalo, pero proxectos como Interritmos amosan por que un creador tamén precisa unha residencia, igual que un investigador”.
Pola súa parte, Ángel Carmona recalcou o valor das políticas públicas culturais:
“A música non morre, e cando un xénero decae, deben chegar os recursos públicos para revitalizalo. Interritmos é un acto revolucionario que deixará pegada”.
🌍 Fusión de tradición e innovación
Durante esta residencia, artistas e profesionais como Tanxugueiras, Xurxo Fernandes, Faustino Núñez, Sarayma, Eduardo Prieto, Fran Sieira e Patricia Hermida participaron en talleres e encontros creativos centrados na fusión entre a tradición galega e o flamenco.
O proxecto Artistea, que remata o 24 de outubro, forma parte do Programa LEADER de Galicia 2023-2027, cofinanciado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), e consolida a Ponteareas como un referente da creación artística e da música de raíz en Galicia.
