sábado. 20.04.2024

Ao  longo dos últimos meses a cidadanía traballou en equipo coa Axenda Urbana para analizar as principais eivas e fortalezas e salientar os aspectos máis positivos así como aportar iniciativas ou ideas que foron recollidas na diagnose.

O equipo da Axenda Urbana resumiu, a un amplo público, os principais motores de forza cos que conta a cidade e que a fan singular e distinta respecto ao resto das da provincia e avanzou as dez liñas estratéxicas baixo as que agruparán o plan de acción. As e os participantes puideron puntuar cada unha das liñas de traballo para avaliar a importancia de cada una delas e establecer unha orde de prioridades.

A diagnose recolle a situación actual da localidade a través de datos, permitindo a comparación con outras realidades locais e coñecer os efectos da implementación da Axenda. Senta, ademais, a folla de ruta a seguir nos vindeiros dez anos ao recompilar un listado de actuacións de mellora en torno aos obxectivos da AUE (Axenda Urbana Española).

O equipo da Axenda Urbana resumiu, a un amplo público, os principais motores de forza cos que conta a cidade

As entrevistas aos actores chave (grupos da Corporación, técnicos municipais e profesionais que interactúan co Concello) conclúen como indispensable traballar no estímulo da cooperación a nivel da Eurocidade para facer valer a centralidade do nodo Tui-Valença no contexto do Miño; consensuar ubicación de novos espazos de estacionamento, promover o contacto co tecido social para crear sinerxías que se veñen revelando como eficientes e de utilidade; elaborar unha estratexia turística que teña en conta os cambios recentes: pandemia, incremento de peso do Camiño Portugués,… ; revisión consensuada das futuras necesidades de investimentos no conxunto municipal (ante a ameaza de recesión económica, escaseza de materiais, custes enerxéticos, …); debate e contactos co empresariado local para facer máis competitivos e atractivos o comercio, hostalería e restauración tudense.

Pola súa banda as parroquias coincidiron en salientar a necesidade de mellorar as conexións peonís e de seguridade vial entre os distintos núcleos; transporte público para conectarase co centro urbano, coas parroquias e cos concellos da área metropolitana, mellorar a conectividade a internet e telefonía móbil; actuar en estradas en mal estado; conexión ás redes de saneamento onde aínda non chega e investir na protección e mantemento das estruturas municipais, camiños tradicionais e elementos etnográficos, entre outras cuestións.

No centro urbano a mellora das bolsas de aparcadoiro existentes e consenso para a apertura de novos espazos de estacionamento así como a revitalización do Conxunto Histórico (locais e vivendas) foron as principais demandas xunto as necesidades de accesibilidade, de fomento do comercio local e de apertura dos locais sen actividade, o prezo da vivenda e as bolsas de alugueiro para a mocidade.

Ao anterior súmase a petición de melloras na rede de equipamentos/infraestruturas deportivas e culturais e a simplificación de trámites burocráticos coas administracións.

As persoas asistentes puideron puntuar as distintas liñas de traballo para avaliar a importancia de cada una delas e establecer unha orde de prioridades.

Equipo da Axenda Urbana e as persoas participantes concluíron que Tui conta con fortalezas como un crecemento poboacional por enriba da media en núcleos de poboación similares en Galicia; unha situación estratéxica no Eixo Atlántico e na fronteira con Portugal, conectado a través dunha densa rede de comunicacións, unha importante riqueza en patrimonio cultural, natural e paisaxístico (río Miño, Monte Aloia, Camiño de Santiago e Centro Histórico); a existencia de camiños tradicionais e sendeiros que conectan parroquias e centro urbano; un forte movemento asociativo; o potencial do eixo entre o Monte Aloia e o río Miño, ambos conectados por sendas verdes e azuis que atravesan todo o territorio; políticas públicas en materia de mitigación do Cambio Climático e de fomento de enerxías sostibles (Plan Forestal de Galicia cara a Neutralidade Carbónica 2021-2040) e  a inclusión de Tui no Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía, entre outras moitas.

En base a estas fortalezas e necesidades o equipo da Axenda Urbana, da man do goberno municipal, redactará o Plan de Acción da Axenda Urbana que contemplará iniciativas de carácter normativo, de investimento e de difusión para procurar un futuro sostible. Deste xeito, agruparán os proxectos que integrarán a estratexia de crecemento arredor dos dez eixos da Axenda Urbana Española ordenando o territorio e facendo un uso racional do solo; evitando a dispersión urbana e revitalizando a cidade existente; previndo e reducindo os impactos do cambio climático; facendo unha xestión sostible dos recursos; favorecendo a economía circular; favorecendo tamén a proximidade e a mobilidade sostible; fomentando a cohesión social e buscando sempre a equidade e impulsar a economía local … pero ademais garantindo o acceso á vivenda, fomentando a innovación dixital e mellorando os instrumentos de intervención e boa gobernanza.

A Axenda Urbana de Tui está financiada cos fondos europeos Next Generation e conta cunha páxina web propia da estratexia https://axendaurbanatui.gal/

Polas súas fortalezas a Unión Europea e o goberno de España a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, decidiron apostar por Tui converténdoo no único concello da provincia de menos de 20.000 habitantes con financiación para redactar a súa Axenda Urbana.

Tui camiñará cara un desenvolvemento sostible no que  a procura dunha mellor calidade de vida para a veciñanza é o obxectivo prioritario e farao cun documento consensuado financiado cos fondos Next Generation e que planificará os vindeiros dez anos en liña con dez obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS).

Dos 8131 concellos que hai en España tan só 121 foron seleccionados para a redacción dunha Axenda Urbana.

As parroquias tudenses salientaron a necesidade de mellorar as conexións peonís e de...
Comentarios