O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou en Lalín o compromiso do goberno provincial co reto demográfico, poñendo en valor as iniciativas que levan cultura, deporte, servizos e oportunidades ao rural para garantir a igualdade de condicións entre o campo e a cidade.
Luis López destaca en Lalín o compromiso da Deputación de Pontevedra co reto demográfico e coa Galicia rural
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, pon o foco nos avances impulsados polo goberno provincial no ámbito do reto demográfico, entre os que sobresaen accións levadas a cabo en contornas rurais como a celebración de grandes eventos culturais, a programación de espectáculos de teatro ou danza, a acollida de eventos deportivos internacionais ou a promoción turística dos concellos do interior, no encontro promovido polo Diario 65YMás, presidido polo xornalista galego Fernando Ónega; centrado nos retos dos sénior na Galicia rural. “Remarcamos o compromiso da Deputación co reto demográfico, ou o que é o mesmo, o compromiso para levar infraestruturas, servizos e propostas culturais de calidade á veciñanza, viva onde viva”, afirmou o presidente provincial nun acto celebrado no Concello de Lalín.
Un compromiso que é compartido pola Deputación, que ten en marcha un amplo catálogo de iniciativas en todas as áreas para afrontar o reto demográfico e mellorar a calidade de vida das persoas que viven no rural. Citou Luis López os plans de cooperación cos concellos para executar investimentos necesarios e estratéxicos como o +Provincia, o Plan Extra e o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas que mobilizarán preto de 128 millóns de euros nos concellos da provincia o vindeiro ano e que o goberno provincial incorporou nas bases o criterio do reto demográfico para que estes concellos reciban máis recursos. Tamén fixo referencia á colaboración co tecido veciñal a través de liñas de apoio a asociacións veciñais, comunidades de usuarios de auga ou comunidades enerxéticas, así como eventos lúdicos como o +Convivir ou formativos como + +Reto Dixital. Ademais de lembrar o mantemento continuo das estradas que conectan os núcleos poboacionais, López tamén se referiu a iniciativas novidosas como o primeiro circuíto de teatro e danza da provincia, o +Escénicas, a programación musical polos concellos pequenos do +Música, a oferta formativa para mulleres do +Xuntas ou do Provincia Activa e propostas de excursións a través de Lecer en Familia, +Convivencia ou +Benestar.
Con motivo da celebración deste encontro en Lalín, o presidente Luis López puxo os investimentos realizados neste concello como exemplo. “Esta mesma semana asinamos un convenio co alcalde para facer unha achega de 1,1M€ para mellorar unha infraestrutura dunha parroquia que ten moitos beneficiarios, por primeira vez na historia os Premios Mestre Mateo celebráronse en Lalín, despois de 22 anos celebrándose en ámbitos urbanos; e como somos a provincia do deporte, acollemos un partido da selección absoluta de balonmán ou por primeira vez na promoción do destino turismo damos impulso ao interior”.
“É o claro exemplo de que no rural as oportunidades son as mesmas que nos ámbitos urbanos”, concluíu o presidente, quen reiterou o agradecemento ao diario 65YMás por escoller Lalín para organizar este encontro e reafirmou o compromiso da Deputación para seguir levando os mellores servizos á veciñanza “vivan onde vivan”.
O encontro, no que tamén participou a coordinadora das áreas de Benestar Social e Igualdade da Deputación, Sandra Bastos; así como a conselleira de Política Social, Fabiola García; o alcalde de Lalín, José Crespo; responsables do xornal 65YMás e representantes de diversas entidades públicas e privadas da área de Benestar Social; contou cunha charla de Fernando Romay seguida dunha mesa redonda relacionada cos retos da Galicia Rural e dun relatorio sobre as solucións para a Galicia rural. Neste sentido, o presidente provincial quixo expresar o seu agradecemento aos promotores do acto “pola numerosa asistencia, polo contido da xornada e por escoller Lalín para tratar unha cuestión tan transcedente”. Un recoñecemento que estendeu ao presidente do diario, Fernando Ónega, e a todo o seu equipo porque “so uns xornalistas vocacionais coma eles poderían descubrir a necesidade dun diario pensado para informar do que máis lle interesa ás persoas maiores, detectar a invisibilidades que sofren as persoas que acadan a idade de xubilación ou ser conscientes da urxencia de levar servizos de calidade ao rural”.
