jueves. 18.04.2024

Un referente de loita, amor e traballo por Galicia. Iso é o que representa o escritor, pensador e artista galego Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, a quen o Concello de Ponteareas realizou este luns unha ofrenda floral para render sentida homenaxe ao legado “dun dos intelectuais galegos máis importantes da nosa historia, un verdadeiro humanista e un referente en cada unha das moitas facetas que desenvolveu ao longo da súa vida”.

Amenizada polos gaiteiros dos Muíños de Oliveira, con esta homenaxe o Goberno municipal busca un ano máis reivindicar o valor humano pero tamén político deste escritor galeguista “que estivo disposto a todo por mellorar a vida dos galegos e galegas”, así como tamén o enorme valor artístico das súas ilustracións. Un traballo que sempre contou cunha grande acollida por parte de galegos e galegas e que se reflectiu no éxito da exposición no museo municipal na que se recollían unha rigorosa selección de máis de 200 obras que amosaban a evolución deste artista referente na ilustración gráfica no século XX.

Durante a ofrenda floral, que se celebrou diante da placa na honra de Castelao na avenida do mesmo nome, a alcaldesa Cristina Fernández salientou o vínculo do artista e intelectual coa vila de Ponteareas a través do galeguismo con figuras como Alfredo Guisado e Alejandro Viana.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, anima a toda a veciñanza a continuar con esta homenaxe a Castelao visitando as exposicións de láminas do artista que se están a levar a cabo en once centros e casas culturais de Ponteareas. Ata o 12 de febreiro, o público poderá gozar coa obra do artista nas mostras en Arcos, Areas, Cillarga, Guláns, Muíños de Oliveira, Padróns, Xinzo, Arnoso, Bugarín, Celeiros e Guillade, nas que todas as persoas visitantes poderán participar no sorteo de camisetas de Castelao.

Ofrenda floral diante da placa na honra de Castelao
Comentarios