viernes. 26.04.2024

Dende este venres 7 de outubro, o Teatro Municipal de Tui acollerá unha extensa programación teatral para todos os públicos con recoñecidos espectáculos que visitarán a cidade ao longo dos próximos dous meses. En canto aos xéneros, haberá propostas de ópera, comedia, drama, cinema, danza contemporánea ou musicais.

Serán un total de oito espectáculos a celebrar até o 25 de novembro que chegarán da man de compañías coma Talia Teatro, Píscore,  Butaca Zero, Tanxarina Títeres, Da.Te. Danza, Os Naúfragos e Contraproducións.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, salienta que con esta programación Tui continúa a ser un referente cultural tamén no outono con estas novas propostas, e tras o éxito da acollida das actividades celebradas ao longo dos meses estivais.

Pola súa parte a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, convida á cidadanía a gozar dos espectáculos programados para este outono no teatro nunha programación que continúa coa liña marcada en anteriores temporadas con propostas de gran calidade, diversidade, e para todos os públicos.

 Este venres, 7 de outubro, dende as 21.30 h, representarase a primeira proposta: ‘Morte accidental dun anarquista’, de Talía Teatro. A comedia de Dario Fo está dirixida por Cándido Pazó e narra uns sucesos reais ocorridos nos Estados Unidos en 1921 e que se inspiran na morte do ferroviario Giuseppe Pinelli en Milán. Con prezos de 6 e 8 euros, está recomendada para maiores de 12 anos.

O próximo venres 14 de outubro, ás 19.30h, haberá cita co teatro musical ‘Concerto con fusión’ de Píscore. A obra, galardoada co Premio do Público no Festaclown 2019, conta como catro músicos descoñecidos descobren un pasado común e o seu gusto polas músicas que fusionan estilos. Con prezos de 3 e 4 euros, está recomendada para maiores de 3 anos.

A compañía Butacazero representará ‘Papagena’ o próximo venres 21 de outubro ás 21.30h. Trátase dunha ópera electrónica a partir da figura de Papagena, presente na célebre obra ‘A frauta máxica’ de Mozart. Está recomendada para maiores de 12 anos. A entrada será gratuíta previa reserva en tui.gal.

O venres 28 de outubro ás 19.30h haberá teatro xestual con Tanxarina Títeres e a súa obra ‘A cazola de Lola’. Conta a vida desta moza, que cambia por completo dende o momento no que lle cae un cazo enriba. Os prezos son de 3 e 4 euros e está recomendada para maiores de 3 anos.

O mes de novembro comezará con danza o venres 4, ás 19.30 h, co espectáculo ‘Natanam’ de Da.Te Danza, que recibiu o premio Feten 2021  ao mellor espectáculo de achegamento á danza para a primeira infancia. A danza contemporánea é o punto de partida dun espectáculo con dous intérpretes que xogan cos elementos. Os prezos serán de 3 e 4 euros e está pensado para público de entre 0 e 6 anos.

Tamén haberá espazo para o cinema nesta programación de outono. A aclamada comedia galega ‘Cuñados’, con Miguel de Lira e Xosé Touriñán coma protagonistas, chegará a Tui o 11 de novembro ás 21.30h. Conta a historia destes dous cuñados que precisan moitos cartos logo de meter a pata nun dos seus negocios. As entradas serán de 4,5 e 6 euros nun filme recomendado para maiores de 10 anos.

O venres 18 de novembro, ás 19.30h, chegará a Tui ‘Hugo’, a obra da compañía Os Náufragos que recibiu os premios María Casares 2022 á escenografía, á dirección e ao mellor espectáculo. Esta peza de teatro familiar conta unha historia persoal que, a través da empatía, a comunicación e a beleza do diferente, busca sensibilizar e dar visibilidade ao trastorno de espectro autista. Recomendada para maiores de 4 anos, os prezos serán de 3 e 4 euros.

O último espectáculo que acollerá o Teatro Municipal neste ciclo será un dobremente aclamado pola crítica e polo público. ‘Cigarreiras’, de Contraproduccións, conta a relación imposible entre unha proletaria e un burgués na época da I República. Unha obra dramática, Premio do Público no 2021 no Festival Internacional de Outono de Carballo e Premio María Casares no 2022 á escenografía, dirección e mellor espectáculo, que chegará a Tui o 25 de novembro ás 21.30h, con prezos de 6 e 8 euros. Está recomendada para maiores de 12 anos.

As entradas para Talía Teatro estarán dispoñibles a partir de mañá mércores en www.tui.gal e dende a próxima semana poderán mercarse para os outros espectáculos que conforman a programa de outono.

En todos os casos as entradas poderán mercarse en tui.gal até media hora do inicio de cada función. Todos os espectáculos contarán cun prezo de entrada xeral e outro con descontos para a mocidade con carné xove, co carné de estudante, tamén para os que posúan o carné de socio da Biblioteca Pública Municipal, o carné de familia numerosa, carné de discapacidade, desemprego ou xubilación e tamén para menores de 12 anos.

Toda a información deste outono de teatro en Tui pódese consultar nas redes do concello e tamén na web tui.gal.

Oito espectáculos teatrais en Tui
Comentarios