A parroquia de Santa Mariña de Covelo viviu este 3 de maio unha das súas xornadas máis sinaladas coa celebración da tradicional romaría da Nosa Señora da Santa Cruz, unha cita de fonda raíz histórica que cada ano congrega a numerosos devotos.
O Santuario da Nosa Señora ao Pé da Cruz, situado en Baldomar, foi o epicentro desta festa relixiosa, marcada pola devoción á Virxe da Santa Cruz, considerada protectora fronte aos males da cabeza e tamén dos campos, animais e colleitas.
A romaría destacou pola participación de diferentes parroquias da contorna, que achegaron as súas imaxes relixiosas nun acto de grande simbolismo. Así, estiveron presentes as Virxes de Mondariz, Vilasobroso, Meirol, Mouriscados, Paraños e a propia Santa Mariña, reforzando o carácter comarcal da celebración.
Ademais do seu significado relixioso, a xornada converteuse nun punto de encontro para veciños e visitantes, mantendo viva unha tradición transmitida de xeración en xeración.
Os actos festivos continuarán o vindeiro domingo 10 de maio coa celebración da tradicional festa dos Poxos no mesmo santuario, outra cita destacada no calendario local.
DOCUMENTACIÓN: ALEJANDRO OUTERELO.
