viernes. 19.04.2024

A alerta por choiva e mal tempo non conseguiu apagar a solidariedade ponteareá e a carreira de San Silvestre de Ponteareas volveu converterse un ano máis nun exemplo de bondade e apoio ás persoas que máis o necesitan. A concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera, informa de que durante a proba recolléronse case 1.200 quilos de alimentos non perecedoiros e de produtos de hixiene que irán destinados ao centro de reparto de alimentos municipal.

A edil agradece o gran traballo realizado de novo polos Taninos Runner “para organizar esta fermosa proba que cada ano agardamos con moita ilusión e que enche sempre as rúas da vila de diversión, deporte e solidariedade”. Un agradecemento que compartiu o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, que salientou o esforzo feito para a preparación “dunha carreira que este ano celebrou a súa décima edición, toda unha década permitindo a ponteareás e ponteareáns compartir a última tarde do ano todas e todos xuntos, desfrutando dunha xornada lúdica sempre especial”.

Dende o Concello destácase tamén o papel de todas as persoas voluntarias, membros de Protección Civil, empresas e comercios locais que colaboraron para que a proba fora de novo un éxito, así como de todas e todos os participantes, que desafiaron ás previsións meteorolóxicas e correron polas rúas da vila para despedir o 2022.

Por outro lado, o Goberno municipal recoñece tamén o gran labor realizado polo Sporting Club San Mateo como polo Club Natación Ponteareas e Insdega, que achegaron o seu gran de area organizando durante toda esa xornada diferentes eventos nos que se recolleron máis de media tonelada de alimentos.

Case 1.200 kg de axuda para o centro de reparto de alimentos
Comentarios