jueves. 18.04.2024

Os doutores Castro e Álvarez indican que a hernia discal é unha lesión moi común da columna vertebral, que se produce polo desgaste dos discos que hai entre as vértebras, coa consecuente presión sobre os nervios cercanos ou a médula espiñal, o que provoca unha dor intensa. “As hernias discais son frecuentísimas. Antes ou despois, chegados a unha idade, padecerémolas todos. E, aínda que algúns tipos non son molestos, son moitas as que cómpre tratar e, destas, o 30% teñen que pasar por quirófano” -explican-. Apuntan que os pacientes son tanto maiores -por desgaste do disco ou da columna- como xente nova que realiza esforzos, cargas de peso, movementos mal controlados…

Os doutores Juan Castro Toral, xefe de Servizo de Traumatoloxía do Hospital San Rafael da Coruña; Juan Álvarez de Mon Montoliu, especialista en Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía na Unidade de Columna do mesmo centro; e Manuel González Murillo, especialista de Endoscopia de Columna do Hospital HM Puerta del Sur de Madrid.
Os doutores Juan Castro Toral, xefe de Servizo de Traumatoloxía do Hospital San Rafael da Coruña; Juan Álvarez de Mon Montoliu, especialista en Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía na Unidade de Columna do mesmo centro; e Manuel González Murillo, especialista de Endoscopia de Columna do Hospital HM Puerta del Sur de Madrid.

Tal como salientan os doutores, para extirparlas, ata o de agora facíase unha incisión duns 3-4 cm ata a columna, o que implicaba cortar musculatura, quitar un ligamento que recobre a zona lumbar e moverse entre os nervios para chegar ata a hernia. “Era unha técnica bastante agresiva, que deixaba cicatriz tanto interna como externa e supoñía un maior risco para o paciente. O postoperatorio era complexo, ao tempo que non sempre se lograba limpar por completo a zona afectada” -sinalan-.

É unha técnica máis segura, sen riscos para o paciente

Agora está empezando a poñerse en práctica unha nova técnica de cirurxía endoscópica lumbar, que require unha incisión mínima, inferior a 1 cm, pola que se introduce unha cánula provista dunha cámara e de toda a aparataxe precisa para levar a cabo a operación. “Ofrécese unha imaxe amplificada e de alta resolución da zona, o que permite unha maior delicadeza na manipulación dos tecidos e a extracción completa da hernia, sen danar a estrutura ósea nin a musculatura. É unha técnica máis segura. Desaparecen os riscos para o paciente posto que non hai sangrado nin posibilidades de infección, ao tempo que apenas se tocan as estruturas nerviosas. Ademais, o paciente pode abandonar o hospital o mesmo día da intervención, sen inflamación e sen dor, polo que non se requiren analxésicos, e en dúas semanas xa pode facer vida normal. E a hernia non volve a reproducirse, o que era habitual coas técnicas clásicas” -manifestan os doutores-.

Os doutores salientan así mesmo que esta técnica permite realizar cirurxías a pacientes con complicacións e que, doutro xeito, sería inviable, por motivos de idade, enfermidades terminais… proporcionándolles unha gran melloría na súa calidade de vida. Nos pacientes mozos, evítanse inmobilizacións prolongadas. Por outro lado, agora é posible facer cirurxía en casos nos que ata o de agora non estaba indicado debido á complexidade das técnicas clásicas. “Esta técnica supón unha revolución na cirurxía da columna posto que se pode aplicar para abordar calquera patoloxía lumbar, o que abrangue multitude de doenzas”,  -aseguran os doutores-.

En Galicia, esta técnica xa se está a aplicar con éxito no Hospital San Rafael da Coruña, con preto de 200 pacientes intervidos desde finais de 2021, momento no que empezaron a poñela en práctica.  

O 30% das hernias discais que se deben tratar teñen que pasar por quirófano
Comentarios