domingo. 15.03.2026

O 30 de marzo de 1982, martes, en Santiago, un neno de 9 anos agáchase para poder atarse os cordóns dos seus zapatos. De súpeto, un condutor bebido saíuse fóra do asfalto e píllalle. O diagnóstico confirmou a gravidade: lesión medular e a amputación da perna esquerda para poder salvar a vida.

Así comezou a contar a súa historia Anxo Queiruga -quen leva máis de 30 anos no movemento asociativo das persoas con discapacidade- no faladoiro que tivo lugar no Colexio Maior La Estila.

Tras formarse en Salamanca no Centro de Recuperación de Persoas con Discapacidade Física, e nos institutos de Fontiñas e o San Clemente, iniciou a súa etapa laboral na COGAMI no 1997; e no 2000 asumiu a dirección do Departamento de Formación e Emprego desta.

Pouco despois, sendo moi novo, o presidente da COGAMI convenceuno para que formara parte do seu equipo no seguinte mandato, pasando a formar parte deste ao ser reelixido; e dende 2007 é presidente de COGAMI e do Consello de Administración de Galega de Economía Social, o grupo de empresas de economía social que forman parte desta.

Actualmente tamén é presidente de COCENFE -a confederación española- e vicepresidente da Rede Iberoamericana de Entidades de Persoas con Discapacidade Física.

Cando comezou a traballar, as persoas con discapacidade estaban invisivilizadas, non saíndo, moitas veces, da casa; e existían barreiras arquitectónicas, laborais, de participación e de todo tipo. Aínda que Anxo, dende pequeno, ía cos amigos aos bares e despois do accidente xogaba de porteiro a futbito; quedando na portería coa cadeira de rodas e, a pesar de que non eran como agora, pois eran metálicas e pesadas, parábao todo.

Dende COGAMI, aos comezos, realizaron un traballo maiúsculo, visitando a todos os alcaldes de Galicia un a un e indo aos servizos sociais e asociacións locais para facer un rexistro das persoas con discapacidade en Galicia. Foi un traballo moi arduo, e só así puido crearse; sendo imprescindible para traballar con eficacia.

Anxo leva dez anos na presidencia de COCENFE e non está por repetir, pois esíxelle ir a Madrid continuamente para falar cos responsables dos ministerios e organizacións; e cre que despois de tanto tempo é bo que chegue alguén con novas ideas.

COGAMI dedícase ás persoas con discapacidade física, non intelectual, e ten un grande número de empresas para elas. Para iso teñen que ter beneficios, pois senón non son viables. Pero sendo empresas, teñen unha dimensión social, como a imprenta que teñen en Santiago con 15 empregados e hoxe, loxicamente, ten perdas. E en todas págase o establecido no convenio sectorial.

Cambiouse a Constitución, substituíndo a expresión persoas inválidas por persoas con discapacidade por unanimidade. Ningunha persoa non é válida e este termo é o máis axeitado; máis que o de persoas con diversidade, pois todos somos diversos: Non hai ninguén que non o sexa.

COGAMI é unha entidade sen ánimo de lucro constituída por máis de 50 asociacións que presta servizos a persoas con discapacidade e, entre outros servizos, xestiona 10 iniciativas empresariais de economía social que empregan a máis de 1.000 persoas. Como COREGAL (recollida e tratamento de residuos), Hornos de Lamastelle (empanada galega, Tarta de Santiago e biscoitos), Grafinco (imprenta) ou Dixardín (xardinería).

O modelo social das empresas da COGAMI amosa que, de replicarse este modelo a outros eidos, as empresas poden ser promotoras da integración sociolaboral para todos, xerando desenvolvemento económico e produtos de calidade como calquera outra.

Anxo Queiruga relata en La Estila a súa vida tras o accidente e o traballo de COGAMI...
Comentarios