Traballar a tempo

Ilustración DL-G.
O galego que hoxe falamos e escribimos tamén naceu de centos de conversas con persoas que gardaban na memoria un patrimonio invisible. O Atlas Lingüístico Galego conseguiu recollelo antes de que aquelas voces se apagasen.

Imaxinemos a escena. Unha parroquia calquera de Galicia. Chama á porta unha persoa nova cun caderno e unha gravadora. Senta diante dun home ou dunha muller moi vellos e comeza a lle preguntar. Como lle chama a esta cousa? Como pronuncia vostede tal verba? O informante responde de vagar. Naquela conversa nimia en aparencia estaba a decidirse unha parte do que somos hoxe como país.

A historia comezara moito antes. Un dos intelectuais máis importantes do XVIII, o Padre Sarmiento, percorreu o país anotando palabras e refráns porque intuía que neles pervivía unha parte esencial da historia galega. Comprendera que a lingua falada era un documento tan valioso como as inscricións en latín.

Dous séculos despois, aquela intuición converteuse nunha das maiores empresas científicas realizadas nunca en Galicia. O Atlas Lingüístico Galego, impulsado desde 1974 polo Instituto da Lingua Galega, percorreu centos de localidades para rexistrar como falaba realmente o noso país.

Boa parte do galego estándar que hoxe escribimos e ensinamos é como é grazas a aquel material. Detrás dese traballo estiveron persoas que aínda esperan unha merecida homenaxe oficial, como Antón Santamarina, Rosario Álvarez, Francisco Fernández Rei, Manuel González e moitas outras. Pero sería inxusto esquecer quen fixo posible todo aquilo. Os protagonistas eran os homes e as mulleres que responderon.

Cómpre insistir no que estaba en xogo. Aquel coñecemento non figuraba en ningún libro nin en ningún arquivo. Transmitíase oralmente dunha xeración á seguinte. As formas da lingua son a autobiografía dun territorio e por iso aquel traballo foi unha carreira contra o tempo. Boa parte das persoas entrevistadas morreron poucos anos despois, pero grazas a quen preguntou a tempo conservamos unha parte inmensa dese legado.

Non hai aquí ningunha nostalxia que defender. Esta non é a historia do que un país perdeu. É a historia do que conseguiu conservar. Nun momento en que Galicia se despoboaba e mudaba radicalmente a súa forma de vivir, houbo un feixe de filólogos que comprendeu que existía un patrimonio invisible a piques de apagarse e decidiu recollelo mentres aínda había voces capaces de nomealo.

Talvez esa sexa a lección para o presente. A lingua non se salva con discursos nin con nostalxias, senón traballando arreo, con rigor, con método e con perseveranza. Aquel inmenso esforzo filolóxico fíxose para que o galego puidese estar vivo en todas partes, para dignificalo de veras en todos os ámbitos e, sobre todo, para transmitilo.

Hoxe cómpre actuar dentro dos novos marcos sociais nos que vivimos. A Consellería de Cultura deu un primeiro paso, pero non chega. O que toca agora é comprobar, á volta de agosto, se existe vontade real de diálogo para construír unha política lingüística máis ambiciosa e máis coherente coa realidade do país, como veñen reclamando hai anos a RAG e o Consello da Cultura Galega. Nese camiño, e no marco da actualización do Plan Xeral de Normalización da Lingua, a Xunta debería asumir a necesidade dun novo decreto educativo sobre o galego e traballar para que este conte co maior consenso parlamentario posible, idealmente un acordo unánime.

Se Galicia quere conservar o seu idioma, son necesarios menos xestos de parte e moito máis dese traballo silencioso, constante e compartido por todas as súas institucións e forzas políticas. As linguas, como a memoria, non desaparecen de súpeto: perden ou gañan futuro segundo o traballo e os

consensos que unha sociedade estea disposta a construír arredor delas. O galego tamén precisa que fagamos hoxe o traballo que outros fixeron por nós.