O poder dos criados
Na Alexandría do I d. C. Herón describiu unha esfera que xiraba impulsada polo vapor da auga. Antes ca el, Ctesibio construíra bombas, autómatas e un órgano hidráulico. Algúns dos grandes elementos da física aplicada estaban alí: a presión, o émbolo, o movemento continuo, e non serviron para nada. Aquelas máquinas quedaron en curiosidades de salón durante case dous mil anos.
A explicación sobre isto ofreceuna o astrofísico Carl Sagan hai case cincuenta anos nesa marabillosa serie documental que foi Cosmos: os escravos. Dispoñer de man de obra sen custo eliminaba para o mundo antigo os motivos para desenvolver a técnica. E certo que o mundo romano adaptou solucións eficientes no ámbito da arquitectura, pero aí quedaron. No século XVIII o vapor cambiaría a faz do mundo. Comezaba a Revolución Industrial. Grecia e Roma desbotaron, a nivel técnico, o máis decisivo e foron conscientes diso: Aristóteles escribiu que se as lanzadeiras tecesen soas, os amos non precisarían escravos e iso desfacía a orde natural do mundo.
O pasado 26 de agosto, Bill Gates publicou un memorando sobre a intelixencia artificial titulado As decisións que tomemos agora sobre a Intelixencia Artificial son cruciais. Paga a pena lelo con atención. Entre as propostas que fai está a de reservar deliberadamente determinados traballos para as persoas, sobre todo os que se refiren aos coidados, malia que a IA poida facelos igual ou mellor. Que distópico soa todo: os humanos convertidos nunha reserva natural.
O curioso é que a discusión enteira sobre a IA, tamén a de Gates, está formulada desde a posición do amo. No mundo antigo e no mundo moderno, o servizo nunca foi unha tecnoloxía, malia que se utilizase: foi, sempre e sobre todo, cuestión de xente. Ter alguén que che escriba as cartas e os discursos, que che faga as compras, que che busque nun arquivo, que che resuma un expediente, foi durante estes últimos tres mil anos unha marca de posición social, e só uns poucos a podían pagar.
O que agora se democratiza coa IA é unha vella condición reservada a esa minoría, a de ter escravos e criados que che fan máis doado o traballo ou mesmo che liberan del. Inocuo? A posición do amo ten outra perspectiva, que a literatura leva vinte séculos contando. Con serventes, o amo cede poder. Vémolo nos escravos astutos das comedias de Plauto, pasando polo Fígaro de Beaumarchais, ou no criado chantaxista de A muller do tenente francés, que o británico John Fowles publicou en 1969. A figura repítese sempre igual: o criado sabe, e sabe que o amo precisa del máis que ao contrario.
Hai nesta relación unha segunda dependencia máis sutil. Quen se afai a que lle fagan o traballo acaba perdendo a capacidade de comprobar se está ben feito. Podes ditar unha carta se sabes o que queres dicir, e podes encargar un resumo se es quen de verificar despois se está ben feito. Se non, un xa non ten un asistente: ten un intermediario do que se depende, e a dependencia é tanto maior canto menos se nota. Así que o dominio da IA non o arranxa ningunha reserva de traballos, porque non é un problema de emprego senón, en boa medida, de cesión de liberdade.
O criado foi durante tres mil anos un privilexio de poucos. Agora que o temos todos, non saber estar sen el fainos a nós os verdadeiros escravos. Quizais a idea da reserva humana de Gates queda moi curta, en realidade.