A mesa e os asombros
Un venres de novembro, ben entrada a noite, chegamos á casa dos meus avós paternos, ao concello de Santiso. Chovía a cachón. Estaba canso e famento. A viaxe, decidida de improviso, fixéraseme eterna, adurmiñado entre o mal tempo e a calor do coche. En cinco minutos a miña avoa xa tiña arranxada a nosa cea: viño, pan e o arroz do xantar, requentado na tixola con ovos escalfados por riba e unhas lascas de pemento para darlle humidade. Estaba delicioso.
Levo anos sabendo que aquel sabor non pode repetirse. Cada prato cociñado é único, pero baixo esta obviedade hai outra certeza: quen cambia somos nós. O neno que chegaba con fame e coa alegría de pasar dous días na casa familiar xa non existe, e sen el o arroz requentado é o que foi sempre: un recurso de urxencia na tixola. Xa nolo advertía Álvaro Cunqueiro: o que converte o alimento en pracer non é a química do padal, senón a imaxinación de quen come. E a miña avoa, sen coñecer a D. Álvaro máis que de nome, sabía fabricar esas ficcións coa sinxeleza do agarimo.
O que ninguén nos dixo é que a imaxinación tamén se gasta. A infancia ten o privilexio do asombro absoluto: de nenos, cada sabor chega acompañado da novidade do mundo, coa certeza e a ledicia de comprobar como se amplían os límites das nosas xeografías. Do que non eramos conscientes, entón, é do feito lóxico e triste de que cada vez que gañamos sabores estamos a perder a posibilidade de inauguralos.
Facerse adulto consiste, en boa medida, niso. Conquistamos o mundo, recoñecémolo, cada vez con menos asombro e máis criterio: as cidades, as conversas, os traballos, mesmo os amores.
Non sei se contra este desgaste hai remedio, pero hai maneiras nobres de contornalo. Cando probei as ostras por primeira vez tiven delas unha impresión, digamos, modesta. Volvinas comer anos despois na casa dunha amiga francesa, traídas do mar aquela mesma mañá. Esta vez eu agardábaas doutro xeito: rematara de escribir un libro sobre Plinio o Vello, que as gababa coa paixón dun naturalista, e sentei á mesa coa curiosidade posta no que sobre elas me ensinara un home morto había dous mil anos. Soubéronme a gloria. Non só porque fosen de mellor calidade, que tamén, senón porque alguén me ensinara a agardalas con outros ollos.
A literatura non é un adorno da mesa, senón un ingrediente dela. Tamén pode fabricar o apetito. Pásame cos salmonetes do comisario Montalbano, que Andrea Camilleri describe con tal contida sensualidade que un acaba máis pendente dos xantares do policía de Vigàta ca da resolución dos casos. Ou co meu desexo, aínda incumprido, de probar un filete Chateaubriand acompañado dun burdeos, porque tamén quero ter na boca a prosa dun dos meus escritores favoritos. A literatura non pode devolvernos a fame inxenua da infancia, pero ten o privilexio de fabricar, quizá, unha curiosidade máis complexa.
Á miña avoa bastáronlle fame, afecto e un par de recursos humildes para facer inesquecible unha noite de novembro. Nós, que xa perdemos a inocencia, temos que buscarlle a un prato a súa historia para espertar unha porción de asombro. A infancia ensinábanos o abraio de que cada cousa era unha novidade. A literatura amósanos que nada ten por que ser novo para volver a sorprendernos. Aínda quedan pratos que non probamos, libros que aínda non lemos e historias que poden chegar á mesa antes do primeiro bocado.