Contemplar a paisaxe é moi sa porque o contacto coa natureza enriquece. Igual que interactuar coas persoas que temos ao carón en cada momento. Por que?: porque ámbalas dúas permítennos movernos na realidade que vivimos e somos.
O pensar, soñar, amar, desexar ou sentirnos ameazados por algo -a interioridade-, e o ver, tocar, ter fame ou doernos o xeonllo -a dimensión obxectiva-, van sempre xuntas porque somos espírito e materia.
Por iso a Marta gústalle tanto a paisaxe. “Sempre que poido -di- saio a pasear. As veces nos arredores de Santiago e outras máis lonxe. As veces soa e outras acompañada. Percorrer o río Sar ou o Sarela e ver a herba, as árbores, os animais e O Pedroso ou o O Viso é fantástico”.
Tamén lle gusta a horticultura: remover a terra, plantar a semente, podar as plantas, protexelas dos paxaros..., xa sexa a pleno sol ou gozando do chirimiri ou a choiva.
Os microrrelatos que escribe Marta non xorden do tempo que pasa diante do ordenador as fins de semana, senón das súas andainas: polo menos a súa xénese. O desenvolvemento dos seus escritos, iso si, fráguanse diante do ordenador a base de traballo e de pulir a súa forma definitiva ata cen veces se é preciso. Pero partindo sempre das sensacións e pensamentos que acumula nas súas andainas.
A Marta o campo, os ríos, a montaña e a mar proporciónalle paz, serenidade e harmonía. Como non van dalas unha árbore de douscentos anos que venceu á seca, ao graínzo e aos vendavais? Igual que as ondas do mar, que levan miles de anos subindo e baixando, sorrindo sen notar o cansazo.
“Non saír do asfalto, en cambio -di Marta- atafégame porque ten moito de artificial. Como non vai gustarme ver unha praza, unha ponte colgante ou un auditorio fermoso? Pero se convivira só con estes, deixando de lado a natureza, non sería totalmente feliz”.
Xunto ao paisaxe natural, Marta tamén esta namorada do paisaxe humano. Sen a conxugación do ti e do nós, como di, non podería desenvolverse como persoa axeitadamente e os seus microrrelatos terían menos forza porque non serían cribles.
Para ela, o fortalecemento de vínculos no eido familiar e das amizades e coñecidos, é básica. Sen iso, a posibilidade de crecer como persoa non é posible porque, como seres sociais, necesitamos abrirnos, escoitar e contar co outro.
A súa filosofía da vida baséase en que para vivir dun xeito saudable necesitamos de ámbalas dúas cousas á vez. Tanto da paisaxe da natureza que non achega o asfalto, como da paisaxe humana que libera dos medos e demos que adoitan asaltar a quen se encapsula en si mesmo.
