O outro día meu veciño Xurxo, profesor de Historia, tentou explicarnos o que era unha esfinxe como se lle fora a vida.
A explicación -non pedida por ninguén- xurdiu porque Lois dixo que nun centro comercial veu unha moza sentada no chan cos xeonllos pegados á cintura, os brazos cruzados e mirando ao infinito en actitude meditativa. Como ao vela pensou que era unha esfinxe, estivo a punto de pedirlle que lle anunciara un bo augurio porque cre estar nunha fase de mala sorte da que non consigue saír, pero ao final non se atreveu.
Ao escoitar isto Xurxo, comezou a explicarnos a diferenza entre as esfinxes exipcias e os oráculos gregos durante máis de media hora; impedindo que puidésemos concretar onde faríamos a seguinte andaina, que era o motivo principal polo que tiñamos quedado.
Ás esfinxes exipcias, segundo Xurxo, non se lles pode preguntar nada porque non falan. Adoitan aparecer como un león con cabeza humana, representando a forza e poder do león, e a vida despois da morte; motivo polo que aparecen en moitas tumbas. As que si falaban, pola contra, eran as pitonisas da antiga Grecia.
O oráculo de Delfos, situado nun santuario dedicado ao deus Apolo, foi un dos principais; chamándose pitonisas ás sacerdotisas do templo que interpretaban as respostas porque estaba nun lugar chamado Pito. Ao principio a pitonisa era unha moza virxe, pero por mor do rapto dunha decidiuse que en adiante non podería escollerse ningunha con menos de cincuenta anos.
O consultante tiña unha entrevista con ela uns días antes do oráculo e, unha vez inspirada, daba a resposta a un sacerdote que a interpretaba e entregaba ao interesado escrita en verso. Aínda que a resposta moitas veces era ambivalente para evitarse problemas... Como cando o rei Creso preguntou como podería pasar a súa vida do xeito más feliz e respondéronlle: Se te coñeces a ti mesmo, Creso, realizarás a travesía felizmente.
Cando Xurxo acabou a súa explicación, Lois dixo que de volver a atoparse coa moza que senta no chan mirando ao infinito, esta vez -sexa unha un oráculo ou unha esfinxe- vai a pedirlle un augurio para saber que ten que facer para saír do ciclo negativo no que se atopa.
A min quedoume clara a diferenza entre as esfinxes e os oráculos. Se cando Lois volva a ver á moza non lle contesta, claramente, é unha esfinxe; e, se lle contesta, un oráculo. Pero, con independencia disto, onde faremos a vindeira andaina? Teremos que acabar preguntándolle a un oráculo?
