domingo. 28.04.2024

Impresionismo (e II)

O sábado pasado, despois de pasear tres horas en modo descanso por Santiago, volvín a recibir todo tipo de imputs do que se coce na rúa e os arredores da cidade; pois cando te pos a andar, aínda que non queiras, oes e ves de todo.

O sábado pasado, despois de pasear tres horas en modo descanso por Santiago, volvín a recibir todo tipo de imputs do que se coce na rúa e os arredores da cidade; pois cando te pos a andar, aínda que non queiras, oes e ves de todo.

As primeiras conversas que escoitei poderían formar parte dunha novela de Jane Austen. “Somos de dous mundos opostos, el non quere saír e eu si -dicía unha moza a outra-. El sempre está encerrado, incrustado na televisión, e eu sempre fora”. E máis adiante dúas mulleres comentaban que unha amiga á que non vían dende facía tempo non durmía pola noite e durmía de día; e outra lamentábase, dicindo: “Sabes quen as paga? Todo o que lle pasa, pagalo comigo”.

Pouco despois cruceime cunha familia cun cativo en bici, ao que súa nai lle dixo que non fora por un camiño estreito. “Vaiche caer Brais”, repetiulle varias veces. E como se meteu nel e caeu, despois de dicirlle “Ves!: Fixéraste dano?” e ver que seu fillo se puxo de morros e non contestaba, díxolle: “Canto antes te esquezas do enfado mellor, estarás máis contento”. Toda unha lección educativa ao lado do río... Tamén vin a un pai que levaba seu cativo a ombros que non deixaba de repetir: “Papá, é un taxi!”; e a outro que berraba “Papá, unha cagada, non ma podo quitar!” (era dunha pomba).

Máis adiante pareime a falar cunha parella que estaba mirando unha pata con tres patiños e, de súpeto, acabaron saíndo catro máis dende a maleza. “Miúdo traballo, ten que darlles de xantar a todos -comentaron-. Ademais, ten que ensinarlles a nadar!”.

Na terraza dun bar, todos falaban de traballo: “Meu xefe é un impresentable -dixo unha moza-. A partir de agora, vou a pasar de todo. Total, aínda que todo o faga ben, vai botarme igual”. Mentres, noutra mesa, un chuleta dicía: “O gasto máis importante da nosa empresa son as ceas e os gin tonic. Se ves connosco pasaríalo moi ben...”. Miúdo contraste.

Ao entrar nunha tenda na que se pagaba a través dun pequeno burato de vidro, no seu primeiro intento a vendedora non foi quen de pasarme o cambio dun euro porque se deslizou cara onde estaba ela. “Prefire quedarse aquí”, díxome rindo; contestándolle eu que era porque ela era máis simpática.

Un pouco máis adiante, un mozo falaba por teléfono coa súa nai. “Mamá, xa teño 23 anos, o piso está ben, por que me preguntas polo colchón? Isto é o de menos. Intento contarche onde está e as habitacións que ten e non me deixas falar, vou a colgar e nos vemos mañá. Se comezo a falar e me interrompes, non poido contar nada... Isto é un monólogo, si, pero teu”. Como está o patio...

Logo escoitei a unha muller que lle dixo a unha amiga, emocionada: “A que che gusta meu vestido de 17 euros?”; e a outra falando polo móbil dicindo que estaba moi contenta porque acababa de entrar na listaxe de substitucións de enfermaría e trouxo ao que falaba un cartón de tabaco de Ceuta, aclarándolle “porque alá é máis barato”.

Aínda que o mellor que puiden ver, con diferenza, sucedeu na rúa do Franco, onde preto de trinta persoas -moitos deles guiris- ían detrás dun acordeón e catro tambores que tocaban uns portugueses. A música era repetitiva pero simpática e, de súpeto, varias mozas uníronse ao grupo. Claramente era unha despedida de solteira. Sen ningún tipo de contemplacións obrigaron á noiva, que levaba un pano branco con flores na cabeza, a que se puxera a bailar diante de todos; e esta, sen pensáresllo dúas veces, estivo bailando varios minutos sorrinte e desinhibida, mentres berraba saltando: “Vou a morrer, vou a morrer...”. E cando ao final se separaron dos músicos, despedíronse cantando: “A noiva, a noiva, a noiva é cojonuda, como a noiva non hai ningunha...” sen cortarse un pelo. Os guiris non so crían; estaban na gloria.

Impresionismo (e II)
Comentarios