O outro día tiven a sorte de tomar un café con Amira, que en árabe significa princesa. Nada en Afganistán, chegou a Galicia para estudar. Como gustáballe moito a literatura e o seu soño é ensinar ás cativas, no seu país estudou filoloxía persa nunha escola de mozas, pois alá non hai escolas mixtas.
Coa chegada dos talibán no 2021, logo de que EEUU o abandonase, todo cambiou. No 2022 co Covid todas as universidades estaban pechadas, e logo fixérono definitivamente por mor da guerra.
Cando EEUU deixou o país, todos sabían que os talibán ían a prohibir a liberdade ás mulleres como nos anos noventa. A súa familia trasladouse a Kabul para estar máis segura, pois a guerra tiña lugar nas aldeas -onde vivían- e tres semanas máis tarde, aínda que ninguén cría que ía a pasar, a metade do país caeu baixo control talibán.
Semanas antes da súa chegada, Amira estaba a facer un curso de debuxo. Cando o día que chegaron foi a clase, internet estaba cortado e non atopaban o seu irmán; o cal volveu a casa cinco horas despois, contando que había moito tráfico e os soldados -quen tiñan un perigo maior por apoiar ao goberno- non sabían onde tirar as súas armas.
Afganistán caeu nun día e ao principio, ao chegar os talibán, moitos creron que os colexios para as nenas abrirían; pero non foi así. Cada día sacaban un novo decreto, as escolas seguían pechadas e dende ese momento as mulleres xa non puideron volver a falar en público.
Mentres antes Amira podía saír co pelo tapado, agora tiña que ir con todo tapado, incluída a cara; e levar cores escuras. Segundo ela o tema é máis político que cultural ou relixioso. A maioría son analfabetos e estaban contentos de que as nenas estudaran, como a súa familia, que as deixaba traballar e elixir o seu futuro.
Os talibán son un grupo fundamentalista, creado na década dos noventa co apoio de Paquistán. En Afganistán hai 14 grupos étnicos, sendo pastunes case a metade; habendo outros máis abertos, como os tayikos.
Os talibán baséanse na lei sharia dun xeito extremo. O Islam di que a muller ten que levar algún velo, sen dicir nada sobre o tipo de tapadura ou o burka; pero os talibán din basearse naquela, aínda que é unha interpretación.
Amira, que non é crente, di que a resposta ao comunismo foi a lei sharia; e cre que a relixión non é mala nin obriga ás mulleres a ir como din os talibáns.
O gran apoio dos talibán en Afganistán é Paquistán, que é un país islámico: por iso apoiounos. A maioría das familias de Afganistán, como a de Amira, teñen aos seus fillos espallados por todo o mundo.
A súa familia non corre perigo porque non tivo que ver co goberno anterior; aínda que se ela decidira volver, probablemente, non lle deixarían retornar a España. Quizás non lle pasaría nada porque non está metida en política, pero de momento prefire seguir connosco.
