Ao chegar a El Prat dende Labacolla o plan inicial de achegarme a Sabadell en taxi mudou de súpeto porque, aos cinco minutos de collelo, meu irmán Albert chamoume para dicirme que fora á universidade -onde estaba- para ir xuntos a Sabadell no seu coche. Ante a súa insistencia, acabei dicíndolle ao taxista que cambiaba de idea e me levara para o centro de Barcelona, mirándome con cara de poucos amigos polo retrovisor.
Unha vez chegados a casa, degustamos a magnífica paella que miña irmá Montse encargou nun restaurante para toda a familia.
Ao día seguinte pola tarde Montse recibiu un whashaap dicindo que acababa de saír a fumata branca na Capela Sixtina e acendemos a tele. Pero como as miñas irmás tiñan que levar o gato ao veterinario nun sitio onde é difícil aparcar, leveillas en coche; e mentres curaban ao gato puiden escoitar a parte final do discurso de León XIV pola radio no coche.
O sábado fomos a buscar ao noso irmán Ricard a Sant Boi para que viñera a pasar a fin de semana a casa e todo perfecto, ata que sobre as 4 h da noite o timbre da porta comezou a soar. Ao principio non contestamos, crendo que era unha broma; ata que pola pantalla vin que quen chamaba era o dono da pastelaría de abaixo e baixei á rúa a atendelo en pixama; decatándome de que na casa había auga por todas partes.
Cando me dixo que tiña a pastelaría inundada e mirara se caía auga dende o noso balcón, subín a mirar; comprobando que non pero había unha marca de auga de tres palmos de altura que explicaba o que pasou. Ao espertarse, Montse chamou ao seguro para que viñeran canto antes a ver que pasaba, aínda que o dano xa estaba feito. Outra vez unha gota fría, como a de hai tres anos!
O domingo acompañamos a Ricard a Sant Boi e, logo de comer xuntos, iniciamos a viaxe de volta caendo na conta que non poderíamos ver enteiro o Barça-Madrid porque comezaba moi cedo. No momento de subir ao coche e poñer a radio perdíamos 0-2, pero logo a cousa cambiou -uff!- e puidemos ver a segunda parte pola tele.
O luns pola tarde fomos a ver unha película (Moon) sobre a amizade dun rapaz cun oso panda, na que miña irmá Nuri e eu acabamos chorando; comentando Montse que lle gustaría poder facelo porque axuda a vivir mellor o duelo mellor pero non é quen.
O último día, antes de saír para El Prat, aproveite para tomar unha cervexa cun amigo nun bar, no que lembramos as aventuras da infancia. Durante a conversa un mozo achegouse varias veces á nosa mesa, pedíndonos ao final se podía unirse porque non tiña coñecido aos seus país e avós e gustaríalle moito escoitar as historias que contabamos deles. Como cando pediunos iso eu xa tiña que marchar para El Prat, díxenlle que de telo dito antes por nós encantados, pero que tiña que saír disparado.
Agás pola inundación a viaxe saíu perfecta e en agosto -no que espero que non caia outra gota fría-, Deus mediante, repetirei.
